A deputada do Grupo Popular Carmen Pomar cualificou hoxe no Pleno do Parlamento galego a proposición de lei de iniciativa popular sobre a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia como “innecesaria, incompleta e inoportuna, na medida en que Galicia conta desde hai escasos meses, e xa está a aplicar, unha novidosa Lei de medios”. “Unha lei que vai máis aló do que propoñen agora, xa que deseña unha plataforma de servizos multimedia do século XXI dotándoa dun marco e das ferramentas necesarias, coa transformación e a innovación como piares, para cumprir con máis eficacia e garantías de futuro”, apuntou.
Carmen Pomar sinalou que esta proposición de lei “chega tarde e chega incompleta, agás que con ela se pretenda alongar e amplificar o ronsel argumentativo da oposición, que neste Parlamento nin está nin se lle espera á hora de achegar propostas viables que resulten de utilidade para a sociedade galega”.
MARCO NORMATIVO ACORDE COA LEXISLACIÓN EUROPEA E ESPAÑOLA
Neste sentido, destacou que a Lei de medios “axustou o noso marco normativo á lexislación europea e española na materia; habilita as fórmulas necesarias para que os medios públicos galegos afronten con éxito retos como a transición dixital; acentúa a pluralidade e buscou o consenso; recoñece e apoia o conxunto do sector audiovisual de Galicia; e blinda a misión de servizo público da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia”.
Na súa intervención, trasladou o respecto á Comisión promotora da proposición de lei que “se limita a propor un sistema de elección e nomeamento do director xeral e do Consello de Administración, cun modelo para dita elección que non é máis eficaz, como o demostra o estrepitoso fracaso do intento de concurso público na Corporación de Radio e Televisión Española”.
Así mesmo, a deputada agradeceu “o esforzo dos profesionais que traballan na CSAG para ter informada á cidadanía galega con rigor e seriedade, cunha cobertura rigorosa, obxectiva e extensa do que acontece en Galicia e en todo o mundo”.