Santiago, 10 de abril de 2019.- O portavoz de Universidades do Grupo Popular, Martín Fernández Prado, cualificou hoxe de “pouco progresiva e non redistributiva a proposta dos socialistas galegos de eximir a todos os estudantes do pago das taxas universitarias, sexan cales sexan os seus ingresos”. “Veñen agora cunha proposta incumprida por Pedro Sánchez para que a paguemos os galegos”, indicou.
Martín Fernández salientou que a Xunta “é a administración autonómica que ten demostrado máis o seu traballo a prol da igualdade de oportunidades nos estudos superiores”. Neste sentido, lembrou que a Consellería decidiu para o presente curso académico conxelar un ano máis os prezos públicos das matrículas nas universidades galegas, consolidándose como unha das comunidades cos prezos máis baixos de España; ao tempo que decidiu baixar os prezos de matrícula dos máster habilitantes ata equiparalos aos dos graos.
INCREMENTO DAS TAXAS CO ANTERIOR BIPARTITO
“O anterior Goberno bipartito, en moita mellor situación económica, incrementou as taxas universitarias en primeira matrícula unha media dun 4 por cento cada curso, ata que chegou o Goberno do PPdeG que os primeiros anos as actualizou no mínimo legal e, unha vez que chegou ao Goberno Mariano Rajoy, leva sete anos coas taxas conxeladas”, lembrou.
De levarse a cabo a iniciativa proposta polos socialistas galegos de eximir do pago das taxas a todos os estudantes universitarios, “as arcas públicas terían que sacar cartos doutras partidas para financiar a persoas que non teñen problemas económicos”, explicou o portavoz popular.
Así mesmo, Fernández Prado lembrou que o sistema de taxas académicas “está suxeito á normativa estatal, polo que é competencia do Goberno central”. “Agora, que Pedro Sánchez non cumpriu o que prometeu, os socialistas galegos queren que paguemos os galegos as súas promesas incumpridas”, sinalou.
“O Goberno socialista non conseguiu nin cumprir co pago das bolsas de axuda aos universitarios, polo que case 20.000 estudantes galegos teñen que esperar ata sete meses para cobrar toda a súa beca”, indicou.