Santiago, 17 de abril de 2019.- A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, cualificou hoxe de “pura cosmética” a proposta do BNG de crear unha valedora da igualdade, xa que “todas as funcións que se propoñen para esta nova figura xa están a ser desenvolvidas neste momento por distintas unidades ou órganos consultivos da Administración galega”.
En concreto, Paula Prado lembrou que o Consello Galego das Mulleres é o organismo que colabora coa Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na negociación colectiva, dependente do Consello Galego de Relacións Laborais.
INCREMENTO DO SEGUIMENTO DA IGUALDADE
“Así mesmo, calquera infracción laboral é obxecto de actuación pola Inspección de Traballo e Seguridade Social, tamén no ámbito da igualdade, e o seu plan consensuado cos interlocutores sociais prevé para este ano 2019 un incremento do 8 por cento nas actuacións de seguimento da igualdade efectiva entre homes e mulleres”.
A viceportavoz popular salientou, ademais, que “unha das mesas de traballo do diálogo social está enfocada á igualdade efectiva entre homes e mulleres”, da que criticou que o sindicato nacionalista CIG decidira autoexcluirse de participar neste proceso.