Santiago, 22 de decembro de 2021.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, Ovidio Rodeiro, considerou “lexítimo” que a Xunta de Galicia teña unha frontal oposición ao cambio de regras do xogo que supón o Real-Decreto 984/2021 polo que se regulan a avaliación e a promoción na educación primaria, secundaria, o bacharelato e a formación profesional.
“A supresión dos exames de recuperación decidida polo Goberno central de xeito unilateral no curso en marcha é unha nefasta decisión educativa e xurídica que está creando grandes incertezas e caos na comunidade escolar, cun calendario planificado e o sistema de avaliación organizado que agora os profesores deberán cambiar prexudicando ao alumnado”, dixo.
Ovidio Rodeiro afirmou que a orde galega que desenvolve o citado Real-Decreto “será tramitada do xeito máis áxil posible co obxectivo de blindar os estándares de calidade do noso ensino, garantindo o dereito do alumnado a ter unha avaliación obxectiva e facilitando o labor do profesorado para que poida avaliar con criterios, certezas e seguridade xurídica”.
“O obxectivo último é preservar a calidade e a cultura do esforzo no sistema educativo galego, avaliado por datos como a baixada á metade da taxa de abandono escolar, liderar os resultados do informe PISA e situarse como a segunda comunidade onde máis alumnos de 4ª de ESO se titula”, concretou.
LEALDADE INSTITUCIONAL
O portavoz popular lembrou que a Consellería de Educación “sempre mantén a lealdade institucional co Estado” e lamentou que o PSdeG critique “a frontal oposición ante os vaivéns so Ministerio e o cambio de regras do curso xa iniciado, cando o que se pretende é paliar a desfeita normativa que está desenvolvendo o Goberno central”.
Neste sentido, Rodeiro sinalou que “foi unha oportunidade perdida renunciar a todo o traballo que se levaba feito no Congreso”. É unha norma que “recorta o dereito a decidir das familias para elixir centro educativo, politiza o corpo de inspectores, non mellora os ratios nin o financiamento do sistema, e vai en contra da cultura do esforzo promovendo o aprobado xeral”, concretou.