Santiago, 15 de setembro de 2017.- O deputado do Grupo Popular Carlos Gómez Salgado defendeu esta mañá no Parlamento manter a independencia do Centro Tecnolóxico da Carne (Ceteca) respecto da futura Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), tal e como se recolle no II Plan de avaliación de entidades dependentes da Xunta de Galicia.
Carlos Gómez sinalou que “existe unha clara diferencia na orientación do Ceteca respecto da Agacal”. En concreto citou a distinta tipoloxía do persoal de ambos organismos e o feito de que a Agacal se centre na investigación pura ou aplicada ao desenvolvemento, mentres que o Ceteca céntrase na innovación tecnolóxica dos produtos elaborados,preferentemente do sector cárnico.
AUTOFINANCIAMENTO
“O fin do Ceteca é o desenvolvemento tecnolóxico das empresas galegas relacionadas co sector cárnico, mentres que o enfoque da Agacal é verdadeiramente de innovación e transferencia tecnolóxica, de traballo pegado ás empresas do sector cárnico”, apuntou.
Así mesmo, o deputado popular indicou que “tamén existen motivos económicos” para manter esta situación independente do Ceteca respecto da Agacal. Así , explicou que “coa extinción do Ceteca non se produciría aforro económica de ningún tipo e si unha perda importante de ingresos xerados pola relación coas empresas”.
“O Ceteca demostrou que, cunha xestión axeitada e co impulso das súas potencialidades, puido acadar un autofinanciamento do 75 por cento”, subliñou.