Santiago, 5 de xuño de 2018. A viceportavoz do Grupo Popular, Paula Prado, defendeu hoxe no Parlamento “a necesidade de reformular as condicións de tránsito profesional entre a xustiza e a política para evitar as portas xiratorias política-xustiza, a fin de fortalecer a percepción da independencia xudicial sen menoscabo do dereito a ocupar cargos públicos”. Neste sentido, ofreceu esta tarde unha transacción ao portavoz de En Marea co fin de incluír esta medida na súa proposición non de lei, que será votada na sesión plenaria de mañá, mércores.
Paula Prado lembrou que o Grupo Popular no Congreso elevou á Subcomisión que traballaba no Pacto para a Xustiza un total de 97 propostas, entre as que figuraban medidas dirixidas ao fortalecemento da independencia xudicial, o cambio de elección dos vogais do Consello Xeral do Poder Xudicial, limitar o aforamento para os xuíces e fiscais, e despolitizar os tribunais superiores de Xustiza.
“Así mesmo, propuxemos reformular as condicións do tránsito profesional entre política e xustiza, dotar ao Ministerio Fiscal dun novo estatuto orgánico e reformar o réxime de acceso de avogados e procuradores”, apuntou.
GARANTIR A INDEPENDENCIA XUDICIAL
Porén, lamentou que Podemos abandonara a Subcomisión “porque dicía que só se trataba de propostas estéticas, do mesmo xeito que o PSOE, alegando que coas 130 propostas consensuadas só se chegara a un acordo de mínimos”.
“Nós seguimos pensando que é fundamental garantir a independencia xudicial, e nesa liña vai a nosa emenda á proposición non de lei de En Marea para cambiar o sistema de elección das vogais de procedencia xudicial, para que sexa escollidos por xuíces e xuízas; e reformular as condicións de tránsito profesional entre a xustiza e a política, con especial atención ás condicións de reingreso”, concretou.