O deputado do Grupo Popular Manuel Santos defendeu hoxe no Parlamento de Galicia a tramitación “escrupulosa coas garantías ambientais e o rigor técnico” que a Xunta está a facer do proxecto de construción do porto mixto en Corcubión e criticou que o BNG “non queira cumprir con todos os trámites necesarios e solicite que a Xunta inclúa nos orzamentos do vindeiro ano unha partida orzamentaria para esta obra”.
Manuel Santos lembrou que a proposta finalmente escollida para o porto mixto de Corcubión inclúe un dique de abrigo de 282 metros en dúas aliñacións e a dotación dunha explanada, varadoiro e foso travel lift. En total, crearanse 194 prazas de amarre, cun orzamento total do proxecto de 10 millóns de euros, aproximadamente.
O deputado popular lamentou que a tramitación ambiental deste proxecto “non se puidera levar adiante de forma simplificada polos posibles efectos adversos sobre o medio ambiente, o que supuxo un retraso condicionado polo tempo que tardan en obterse os documentos necesarios para iniciar a tramitación ordinaria”.
“A día de hoxe, Portos de Galicia está a traballar na elaboración do estudo de impacto ambiental, que posteriormente deberá someterse a información pública e a unha análise técnica polo órgano ambiental da Xunta de Galicia para a formulación da declaración de impacto ambiental”, explicou Manuel Santos.
A continuación, o proxecto requirirá a súa aprobación por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, un trámite preceptivo e vinculante tanto para as tramitacións ordinarias como simplificadas.
“Hai que ser realistas e coherentes e ter presente o tempo que leva unha tramitación ambiental deste tipo, polo que non vai ser posible que o vindeiro ano estean en execución as obras deste porto mixto”, sinalou o deputado popular.