A viceportavoz do Grupo Popular, Raquel Arias, defendeu hoxe o traballo dos servizos de inspección da Xunta, “comprometidos na mellora do funcionamento dos centros de maiores e discapacidade”. “Un equipo de inspectores que revisa e avalía a situación dos centros, indica como mellorar e, cando é necesario, impón sancións”, asegurou.
En resposta á mocións presentadas por BNG e PSdeG, Raquel Arias incidiu que “as únicas persoas que teñen acceso ao listado de visitas aos centros son o persoal inspector, as xefas do servizo e as persoas responsables da Subdirección de Inspección, todos eles funcionarios que forman parte do equipo de inspección”. “Non se da ningún tipo de aviso aos centros e, sempre que se notifica unha incidencia de gravidade nun centro, a Xunta actúa con toda contundencia”, apuntou.
MELLORA NA POLÍTICA SOCIAL
Na súa intervención, subliñou que a Xunta duplicou o orzamento destinado a política social desde o ano 2009 e se triplicaron as prazas de residencias sostidas con fondos públicos, ao tempo que se incrementou un 14 por cento o persoal en residencias. “A Xunta tamén acadou o pasado mes de agosto un acordo coas organizacións sindicais para mellorar as condicións laborais do persoal dos centros de xestión propia da Xunta”, engadiu.
Ademais, Raquel Arias lembrou que “as galegas e os galegos prefiren, maioritariamente, facerse maiores nas súas casas, polo que Galicia é líder nacional no Servizo de Axuda no Fogar, no que multiplicamos por máis de sete o número de beneficiarios respecto a 2009, ao tempo que se crearon máis dun cento de casas do maior e se multiplicaron por seis o número de prazas públicas en centros de día”.