Santiago, 19 de xaneiro de 2017.- O portavoz de Educación do Grupo Popular, César Fernández, defendeu hoxe no Parlamento que o Goberno galego limite o reparto e difusión nos centros educativos de Galicia, tanto públicos coma privados, de calquera publicación sen contido pedagóxico e, nomeadamente, aqueles que supoñan un cuestionamento das políticas de igualdade, liberdade, respecto e non discriminación.
Así mesmo, César Fernández demandou que a Xunta limite a difusión de todo aquel material de contido ideolóxico, publicitario ou comercial que non teña relación coas programacións educativas. Neste sentido, exclúese desta prohibición o material de contido educativo remitido polas administracións públicas con competencias na materia, así como os contidos relativos ás condicións de traballo no marco da Lei Orgánica de Liberdade Sindical.
PUBLICACIÓN “LIXO”
No debate sobre unha publicación da organización Hazte oír distribuída nos centros de ensino galegos, o portavoz popular cualificou este folleto como “lixo” e incidiu que o PPdeG “posiciónase rotundamente en contra de calquera manifestación homófoba e que atente contra a liberdade das persoas, máis en concreto contra a liberdade de orientación sexual e identidade de xénero”.
O portavoz popular subliñou que “a posición do PPdeG con respecto a esta igualdade e normalidade é clara e rotunda, tanto dentro como fóra do sistema educativo”. Así, considerou que “hai dereitos incuestionables, e un deles é xustamente este”.