Santiago, 7 de xuño de 2017.- O deputado do Grupo Popular, Alberto Pazos, defendeu esta mañá no Parlamento que o Ministerio de Fomento que tome as medidas oportunas para evitar atascos na AP-9 e que, en caso de producirse, se minimicen as súas consecuencias; se garantan as condicións do contrato concesional, en concreto, no referido á calidade do servizo e en materia de persoal; e se abra unha investigación á empresa concesionaria en relación coa calidade do servizo, como paso previo á posible adopción de medidas correctoras ou sancionadoras.
Alberto Pazos lembrou as retencións e atascos que se están a producir na AP-9, “circunstancia que compre seguir con atención para esixir, a quen ten a responsabilidade da súa xestión e a quen ostenta a competencia sobre esta vía, as medidas que sexan necesarias para evitar que se produzan estes problemas ou a minimizar o seu impacto”.
Neste sentido, dixo que o Goberno galego xa esixiu ao Goberno central e á empresa concesionaria que tomaran as medidas necesarias para corrixir as eivas de servizo que afectan aos usuarios. “Fíxoo no pasado e gustaríanos facelo no presente e no futuro con excrupulosa atención á legalidade e fóra das consideracións, prexuízos e particulares teimas coas que a oposición pretende criminalizar o beneficio empresarial”, indicou.
COHERENCIA DO PPDEG
“O que non parece razoable é queixarse permanentemente dos problemas de saturación dunha vía, e ao mesmo tempo opoñerse de maneira sistemática a calquera das solucións de carácter estrutural que se formulan para resolvelo”, sinalou o deputado popular. Neste sentido, lembrou que desde o BNG opuxéronse á construción da AP-9, a solicitar o seu traspaso ao Goberno galego, á ampliación que aprobou o Goberno socialista e á construción dunha vía alternativa gratuíta, “do mesmo xeito que se teñen oposto á práctica totalidade das actuacións que se desenvolveron en Galicia en materia de vías de alta capacidade”.
Alberto Pazos manifestou que no PPdeG “somos coherentes e por iso imos seguir insistindo na necesidade de que se fiscalice adecuadamente o cumprimento das obrigas da concesionaria, do mesmo xeito que seguimos considerando que esa fiscalización sería mais efectiva se se producise a transferencia da autoestrada ao Goberno galego”.
“A todos nos gustaría unha baixada de peaxes xeneralizada na AP-9, e incluso a supresión total que tanto pregoa o BNG, pero o certo e que formular esa posibilidade como un obxectivo alcanzable no curto prazo, e vinculalo directamente coa transferencia da autoestrada, é simplemente un flagrante intento de enganar aos galegos no que non imos participar”, explicou.