Santiago, 23 de novembro de 2021.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento galego que se normalice a asistencia en atención primaria, impulsando a atención presencial ou telefónica para o 100% das persoas que o precisen e soliciten; reabrir, cumprindo o protocolo de prevención fronte á Covid-19, os consultorios que foron pechados ao inicio da pandemia; e garantir a atención telefónica sen demoras e co número de profesionais precisos para responder ao aumento potencial da demanda.
“A Xunta cumpre e traballa para potenciar a atención primaria ata acadar o desenvolvemento pleno dese novo modelo organizativo e asistencial que dea unha mellor resposta aos problemas e necesidades de todos os galegos”, dixo.
Encarna Amigo salientou que “Galicia está a ser pioneira no conxunto de España, e exemplo para o resto das comunidades autónomas, pola profunda transformación que está levando a cabo na atención primaria sanitaria”, polo que considerou que “son tan absurdas algunhas das críticas da oposición que nin as cren os seus compañeiros do PSOE no Ministerio nin os compañeiros nacionalistas do BNG noutras comunidades autónomas”.
“Sempre hai marxe de mellora, pero os cambios son complexos: algúns non despregarán os seus efectos a curto prazo e outros si que o farán para mellorar a accesibilidade aos centros de saúde, aumentar a súa capacidade resolutiva e optimizar os fluxos de traballo dos profesionais sanitarios ordenando as súas axendas de traballo”, apuntou.
TRANSFORMACIÓN EN POSITIVO
Neste sentido, a portavoz popular insistiu na necesidade de que o Goberno central incremente as prazas MIR de medicina de familia, elimine a taxa de reposición e cree a especialidade de medicina de urxencias. “A Consellería de Sanidade xa remitiu ao Ministerio toda a documentación necesaria para solicitar o aumento de 64 novas prazas de MIR de medicina de familia e comunitaria, para pasar de 142 a 206 prazas, pero ata agora o que obtivemos foi a calada por resposta”, lamentou.
Encarna Amigo fixo un repaso pola “intensa transformación en positivo” que experimentou a sanidade pública galega nos últimos anos, incrementando ano tras ano os seus orzamentos; transformando as infraestruturas ao servizo da saúde, tanto de centros de saúde como de hospitais; e convocando máis de 8.000 novas prazas desde 2012. Ademais, creáronse novas categorías profesionais, como a de enfermería familiar e comunitaria, enfermería pediátrica ou a de facultativo especialista en atención primaria. Neste sentido, engadiu que “nas vindeiras semanas iniciarase a negociación coas organizacións sindicais do Plan de ordenación de recursos humanos para a atención primaria”.