O portavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos, afirmou hoxe que “defendemos unha transferencia da AP-9 que non supoña unha carga económica para os galegos, xa que na proposta que debateremos no Pleno de mañá blindamos os fondos estatais necesarios para poder executar tanto as obras pendentes, como o abono da bonificación das peaxes actuais e futuras”. Neste sentido, lamentou que o BNG “siga centrándose unicamente na transferencia desta autoestrada, sen ter en conta o custo que o seu mantemento e a bonificación das peaxes pode ter para todos os galegos”.
Alberto Pazos comezou a súa comparecencia ante os medios mandando unha mensaxe de condolencias, apoio e ánimo ao pobo de Marrocos polo terremoto que sufriron esta fin de semana no que faleceron máis de 2.500 persoas e afectou sensiblemente a varias localidades, deixando sen vivenda e propiedades a milleiros de cidadáns marroquís.
COLABORACIÓN INTERNACIONAL
“Avogamos porque a colaboración internacional permita axilizar as labores de desescombro e de rescate de posibles vítimas desta catástrofe, e posteriormente se poñan a disposición do pobo marroquí axudas que permitan unha rápida recuperación e volta á normalidade”, manifestou.
Así mesmo, o portavoz popular trasladou o pésame á familia e aos seres queridos da cooperante española Emma Igual, que perdeu a vida no día de onte en Ucraína, onde estaba a facer labores de voluntariado.
Centrándose na sesión plenaria que se celebra esta semana, Alberto Pazos lembrou que na mesma tomarán posesión os novos deputados que substitúen a Pedro Puy e Francisco Conde: Sandra Vilela e José Luís Regueiro, respectivamente.
O portavoz popular salientou o debate no Pleno da proposición de lei para o traspaso a Galicia da AP-9, unha nova solicitude motivada polo decaemento da que se estaba a tramitar no Congreso a consecuencia da convocatoria das eleccións xerais do pasado mes de xullo.
“Queremos unha AP-9 plenamente galega e sobre a que podamos decidir e mellorar o servizo que reciben os seus usuarios, pero nunca que supoña unha carga para os galegos”, asegurou Pazos, quen apuntou que “non acabamos de entender a postura do BNG cando, por unha parte, se enorgullecen de ter conseguido unha rebaixa histórica das peaxes, sen mencionar a suba que sufrimos cada ano, e agora pretenden que esa rebaixa histórica recaia nos petos de todos os galegos, porque coa súa proposición de lei serían quen terían que abonar á concesionaria esta rebaixa”.
ATENDER ÁS FAMILIAS SEGUNDO AS SÚAS NECESIDADES
Por último, Alberto Pazos tamén mandou un “agarimoso saúdo a todos os estudantes que hoxe comezan un novo curso escolar”. En concreto, 312.000 alumnos e alumnas das etapas de infantil, primaria, ESO e bacharelato, ademais dos estudantes de FP e universidades, inician hoxe un novo curso, “para o que a Xunta está a poñer todo o que está na súa man para que sexa con total normalidade”.
Neste sentido, subliñou que “fronte a unha baixa de 2.000 alumnos menos nas distintas etapas respecto ao pasado curso, vaise contar con 370 profesores máis”, ao tempo que, “fronte ao que está a ser unha teima por parte dos grupos da oposición, a Xunta intensifica este ano o seu apoio ás familias con medidas que lles permitirán aforrar máis de 100 millóns de euros”. “O resultado é que a Xunta inviste este ano en libros e material escolar o dobre que antes da pandemia, de xeito que 7 de cada 10 alumnos serán beneficiarios de axudas para libros e material escolar neste curso”, incidiu.
Alberto Pazos reiterou que “desde o Partido Popular de Galicia somos partidarios de atender ás familias segundo as súas necesidades, facendo un reparto de axudas de xeito progresivo, máis xusto e lonxe do “café para todos” que defenden tanto BNG como o PSdeG” e destacou que “neste momento contamos cun dos mellores sistemas educativos de España, homologable e incluso mellor, como o poñen de manifesto os informes nacionais e internacionais, que o de moitas rexións europeas”, salientou o portavoz popular.