Santiago, 16 de maio de 2018. O Grupo Popular defenderá no Pleno desta semana unha proposición non de lei para que a Xunta impulse medidas e accións de recoñecemento para aquelas empresas que colaboran e participan no desenvolvemento da FP. Así mesmo, demandará avanzar na realización dunha nova variante no concello de Ribeira.
O portavoz popular, Pedro Puy, explicou que a sesión plenaria dará comezo coa comparecencia da conselleira do Medio Ambiente para informar da aposta da Xunta pola coñecida como economía circular na loita contra os efectos do cambio climático. “O obxectivo fundamental é tanto o retorno como a renovación de todo o que utilizamos, así como un uso eficiente dos recursos”, concretou.
O Grupo Popular defenderá unha proposición non de lei a través da que se pretende que a Xunta recoñeza e promova as empresas que participan nos proxectos de formación profesional dual, “que está a facilitar a incorporación ao mercado laboral dos mozos que rematan a súa etapa formativa”, sinalou.
Pedro Puy tamén subliñou a proposición non de lei que demanda a construción dunha nova variante no concello coruñés de Ribeira, unha iniciativa cunha importante motivación “porque lle correspondería defendela a Carlos Crespo, como deputado representante da comarca do Barbanza”.
A preguntas dos xornalistas sobre a loita contra os incendios forestais, Puy indicou que “é unha das cuestións sobre a que levamos traballando neste Parlamento durante máis tempo e con maior intensidade”. Neste sentido, lembrou que a Comisión de estudo sobre a política forestal e os incendios forestais atópase na fase de elaboración do informe por parte da ponencia, co compromiso de telo rematado para finais deste mes de maio.
Así mesmo, Puy afirmou que a loita contra os incendios forestais “é un traballo de todos”, e salientou que “a Xunta está a asumir responsabilidades e colaborando cos concellos”. En concreto, referiuse ao convenio que a Consellería do Medio Rural está a ultimar coa Fegamp para actuacións no ámbito da prevención e dotado con 6 millóns de euros, así como que practicamente o 90 por cento dos concellos galegos asinarán o convenio en materia de prevención e extinción de incendios, dotado con 11 millóns de euros anuais.
“Ata que teñamos todo ordenado e estea funcionando adecuadamente non estaremos plenamente satisfeitos”, sinalou o portavoz popular, quen se referiu a que “a responsabilidade de todos nos leve a contar cun monte capaz de evitar o que aconteceu o pasado verán e outono”.