A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, demandou hoxe a PSdeG e BNG que sexan “serios, rigorosos e xustos” á hora de utilizar os datos oficiais e obxectivos que publica o Ministerio de Sanidade respecto ás listas de espera, que sitúan a Galicia como unha das comunidades autónomas con mellores resultados: o terceiro mellor de toda España en tempo medio de espera cirúrxica e tamén en menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de seis meses para operarse.
“Resulta difícil de entender como o Grupo Socialista pode traer ao Pleno do Parlamento galego unha iniciativa ignorando deliberadamente os datos oficiais e obxectivos que publica o Ministerio de Sanidade”, sinalou a portavoz popular. Neste sentido, anotou que “poderían recoñecer que en Galicia se realizaron o pasado ano máis de 204.800 operacións, incrementando un 28 por cento a actividade en cirurxías de prioridade 1 e mantendo o tempos de espera por baixo dos 18 días”. Así mesmo, se atenderon máis de 4,8 millóns de consultas externas, se fixeron máis de 3,7 millóns de probas diagnósticas e se reduciu de maneira significativa o tempo medio de acceso en todos os ámbitos.
XESTIÓN E ESFORZO DOS PROFESIONAIS
Encarna Amigo afirmou que “todo isto foi posible gracias a un goberno do Partido Popular que xestiona e ao esforzo incansable dos profesionais do Servizo Galego de Saúde, traballadores que merecen todo o respecto e o recoñecemento”.
Porén, a portavoz popular lembrou que estes resultados “chegan nun contexto enormemente difícil debido á escaseza de profesionais médicos que non é exclusiva de Galicia, porque é consecuencia directa dunha planificación deficiente do Goberno central ao longo dos últimos anos ao non aumentar as prazas MIR, non adaptar a formación ás necesidades do sistema sanitario, non axilizar a homologación de títulos e non tomar decisións valentes, como permitir a prolongación voluntaria da idade de xubilación ata os 72 anos”.
“Enfronte, temos unha Xunta que está a actuar, con plans de fidelización, con incentivos nas prazas de difícil cobertura, coa aposta decidida pola cirurxía robótica, pola hospitalización a domicilio e polas vías rápidas de cancro, que permitan diagnósticos en menos de seis días”, indicou.
Para rematar, Encarna Amigo asegurou que “Galicia ten un sistema sanitario público que funciona, que mellora cada ano, e que responde da man e do compromiso e esforzo dos seus profesionais”, polo que demandou a BNG e PSdeG que “deixen de facer oposición baseada na destrución, na manipulación e na ocultación interesada de datos”.