Santiago, 31 de maio de 2018. O deputado do Grupo Popular José González Vázquez demandou hoxe a creación dun rexistro de familias monoparentais para, a partir de aí, desenvolver un programa de axudas específico para estas familias no que se integren e fagan visibles as actuacións e beneficios que existen ou se vaian programar desde os distintos departamentos das administracións públicas”.
José González subliñou que “tanto desde o PPdeG como o Goberno galego defendemos e escoitamos ás familias monoparentais” e mostra disto é que na propia Lei 3/2011 de apoio á familia e á convivencia de Galicia xa se recoñece ás familias monoparentais como familias de especial consideración.
NUMEROSOS BENEFICIOS
Na súa intervención, o deputado popular fixo un repaso polos numerosos beneficios que gozan as familias monoparentais, tanto a nivel autonómico como estatal, nos ámbitos de política social, educación, emprego, vivenda, igualdade, prestacións da Seguridade Social, deducións no imposto sobre a renda ou protección por desemprego.
O deputado popular lembrou o compromiso da Xunta, atendendo o aprobado no Parlamento o pasado 24 de xaneiro de 2017, para o establecemento dun rexistro de familias monoparentais que determine os requisitos que deben cumprir para o acceso a estes beneficios das administracións.
“Trátase de familias que presentan unha problemática particular que obriga a introducir medidas correctivas para que os seus membros non queden en situación de desvantaxe no que se refire ao acceso aos bens económicos, sociais e culturais”, engadiu.