Santiago, 20 de maio de 2021.- A deputada do Grupo Popular Marta Rodríguez-Vispo demandou hoxe no Parlamento galego a inclusión na Estratexia de Vacinación fronte á Covid-19 de España do grupo de coidadores non profesionais das persoas dependentes cun grao III de dependencia recoñecido.
Marta Rodríguez-Vispo explicou que a vacinación destas persoas coidadoras non profesionais de persoas dependentes “non está recollido neste momento na estratexia nacional, unha estratexia que Galicia sempre respecta demostrando a súa lealdade ao Goberno central e ás decisións tomadas no marco da Comisión de Saúde Pública e do Consello Interterritorial”.
“O obxectivo do Goberno galego é vacinar o máis rápido posible ao maior número de persoas, pero sempre cumprindo a Estratexia Nacional e o que se pacta nela”, afirmou a deputada popular.
Neste sentido, asegurou que “este obxectivo estase a cumprir” e fixo referencia aos últimos datos publicados: Galicia ten un 20 por cento de poboación con pauta completa de vacinación, fronte ao 15 por cento de España; e conta con máis dun 41 por cento de poboación con polo menos unha dose, mentres que a media nacional é do 33 por cento. En comparación co resto de comunidades, Galicia ocupa o segundo posto na inoculación de primeiras doses (só superada por Asturias) e o terceiro posto en pauta completa (por baixo de Asturias e Castela e León).