Santiago, 27 de setembro de 2022.- A portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Encarna Amigo, demandou hoxe no Pleno do Parlamento galego “a posta en marcha inmediata dun rexistro nacional de profesionais sanitarios, que poida orientar as necesidades de formación de especialistas”.
No debate dunha moción do BNG sobre a sanidade galega, Encarna Amigo manifestou que “coincidimos coas organizacións médicas en opoñernos á ruptura do sistema de formación sanitaria especializada MIR, que é dos factores que contribúen á excelencia do Sistema Nacional de Saúde”. “Este cambio sería un erro que empobrecería o noso sistema sanitario e faríanos retroceder”, asegurou.
REXISTRO REGULADO EN 2017
Encarna Amigo explicou que o sistema MIR, xunto co Sistema Nacional de Transplantes, son os dous grandes modelos de éxito da sanidade española recoñecidos internacionalmente. “A súa ruptura non só produciría desigualdade de oportunidades entre os estudantes, senón que conduciría a un empobrecemento xeral do sistema formativo español”, dixo.
Neste sentido, lembrou que a Xunta ten demandado ao Ministerio de Sanidade a necesidade de que, do mesmo xeito que Galicia conta co Sistema de Información de Profesionais Sanitarios de Galicia (SIPSG) que é un elemento de xuízo para a elaboración da oferta formativa, o Sistema Nacional de Saúde dispoña dun rexistro nacional de profesionais que poda orientar as necesidades de formación de especialistas.
“Este rexistro foi regulado por unha orde do Ministerio de Sanidade de setembro de 2017, pero seis anos despois aínda non se dispón do mesmo”, lamentou, para asegurar que “este rexistro nacional axudaría a reforzar a excelencia do sistema MIR, permitindo planificar a formación de especialistas para dar cobertura ás necesidades conxuntas de todo o sistema nacional”.
A portavoz de Sanidade sinalou, ademais, que a posta en marcha inmediata deste rexistro “é unha das demandas incluídas no Manifesto que os gobernos galego e vasco remitiron ao Goberno de España para mellorar o sistema de formación sanitaria especializada”.