Santiago, 4 de marzo de 2022.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos pediu hoxe no Parlamento galego que “todas as administracións públicas estean á altura do reto de reordenar o mapa de concellos de Galicia e que cesen os ataques partidistas a estes procesos”.
En concreto, solicitou á Deputación de Pontevedra que atenda a petición formulada polo alcalde de Cerdedo-Cotobade para que respecte a Lei de bases de réxime local e non reduza a aportación do Plan de Concellos a este municipio en 250.000 euros logo da súa fusión.
“Os acordos precisan de actitude dialogante, pero tamén de lealdade institucional para que despreguen totalmente os seus efectos”, manifestou o deputado popular. Neste sentido, sinalou que “estamos orgullosos de ser pioneiros en procesos de reordenación avalados pola totalidade dos especialistas na materia”, que recomendan concellos entre 5.000 e 7.000 habitantes porque suporía un aumento e mellora da prestación de servizos municipais básicos, a optimización dos servizos sociais e unha redución do gasto improdutivo”.
Alberto Pazos avogou porque a Xunta continúe coa análise pormenorizada dos procesos de fusión voluntaria producidos en Galicia, así como de novas propostas de redimensionamento da planta local galega ou alternativas aos procesos de fusión, dando conta dos seus resultados ao Parlamento galego.
“Estamos a falar dun estudo que a Xunta xa solicitou e que se está a realizar a través dun convenio coa Fundación Juana de Vega e coa participación das tres universidades galegas”, concretou. Así, este equipo multidisciplinar está a realizar o estudo do mapa municipal desde a perspectiva xeográfica, xurídica, económica e sociolóxica, co obxectivo de analizar a viabilidade de novos procesos de fusión en Galicia.