Santiago, 15 de abril de 2021.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Diego Calvo, amosou hoxe a “solidariedade” cos traballadores do servizo de transporte desde Santiago ata o aeroporto de Lavacolla e demandou ao Concello que “saquen a licitación esta liña e subroguen ao persoal, como se fixo en todas as concesións en toda Galicia”.
Neste sentido, criticou a “incongruencia dos socialistas galegos, que no Concello votan en contra destes traballadores, mentres apoia a mesma iniciativa no Parlamento galego”.
Diego Calvo lembrou que “foi o propio Concello de Santiago o que solicitou expresamente á Xunta que o servizo entre a cidade e o aeroporto de Lavacolla se excluíra das novas concesións de transporte público que desenvolveron o Plan de Transporte Público de Galicia, porque tiña a intención de prestar directamente este servizo ao tratarse de tráfico intramunicipal”.
APOIO AOS TRABALLADORES
“Pero é que, ademais, o Concello de Santiago se opuxo a proceder á subrogación do persoal que viña prestando servizos nesa liña de transporte, a pesar de que esta liña urbana pasou a prestarse mediante a prolongación dunha liña xa existente”, apuntou.
O portavoz popular incidiu que “a resolución do conflito xurdido con estes 11 traballadores é competencia do Concello de Santiago, porque a Xunta non é responsable desta liña”.
Para rematar, Diego Calvo amosou “a disposición do PPdeG para apoiar e asesorar a estes traballadores no que sexa necesario” e lembrou que “a Xunta de Galicia non é quen para mediar neste tipo de conflitos diante do Consello Galego de Relacións Laborais, xa que o recurso a este procedemento extraxudicial é de libre exercicio polos propios traballadores ou organizacións laborais como fase previa á demanda xudicial”.