Os deputados do Grupo Popular Jesús María Fernández Rosende e Miguel Fidalgo mantiveron onte unha xuntanza en A Coruña co presidente da Asociación Española de Titulados Naútico-Pesqueiros (Aetinape), José Manuel Muñiz, e o asesor desta organización Vicente Yáñez para anunciarlles a presentación dunha proposición non de lei no Parlamento galego a través da que se solicita ao Goberno de España a implantación de novas medidas de seguridade marítima coas que afrontar con garantías as situacións de risco que poidan xurdir tanto para a flota profesional como para a deportiva.
Fernández Rosende e Miguel Fidalgo amosaron hoxe o seu pesar polo pasamento do profesor José Manuel Costas Capelo, unha persoa que colaborou directamente co Grupo Popular, xunto con outros expertos de Aetinape, na elaboración desta proposición non de lei e a quen agradecen sinceramente as súas aportacións. “O noso apoio e ánimo á súa familia, amigos e compañeiros en Aetinape e imos traballar para que esta iniciativa e todo o que nela se recolle sirva de homenaxe ao profesor Costas Capelo”, apuntaron.
SEGUIR INNOVANDO
En concreto, a iniciativa parlamentaria do Grupo Popular solicita que se estude a posibilidade de substituír as bengalas progresivamente ou, en todo caso, combinalas con sinais luminosos baseados en tecnoloxía LED, implementando formación práctica no uso destes dispositivos.
A proposta pide que se estude a posibilidade de sinalizar os polígonos de bateas e calquera outra instalación de acuicultura ou flotante, con vértices virtuais nas cartas de navegación, de tal xeito que resulten perfectamente identificables polos plotters GPS. Ademais, solicítase avaliar a prohibición ou condicionar a navegación, ben sexa profesional ou deportiva, en función das previsións sobre determinadas condicións meteorolóxicas; ao tempo que se estude a posibilidade de instalar nos pesqueiros de certa envergadura e en función do seu número de tripulantes, embarcacións de supervivencia ou de salvamento ríxidas, reguladas pola normativa, similares ás empregadas nos mercantes e nas que se poida abandonar o buque en condicións de sobrevivir no mar.
Fernández Rosende insistiu na “importancia de incorporar todas as medidas que contribúan á mellora das condicións de seguridade nas que a poboación galega vinculada a actividades marítimas realizan o seu traballo”. “É necesario seguir innovando e que as solucións adoptadas teñan unha capacidade protectora ampla e universal, tanto para a flota profesional, ben sexa mercante ou pesqueira, como para a flota deportiva”, apuntou.
“É de capital importancia seguir incorporando novas posibilidades de mellora de seguridade abordo e, complementariamente, formar nelas a todos aqueles que, pola razón que sexa, saen ao mar”, indicou o deputado popular, quen subliñou que desta forma “estarase favorecendo a supervivencia no medio mariño daqueles traballadores ou persoa que se embarque no mar se vexan expostas a situacións de risco”.