Santiago, 22 de decembro de 2020.- A portavoz de Enerxía do Grupo Popular, Marta Nóvoa, demandou hoxe no Pleno que o Goberno central “convoque a poxa de enerxías renovables”, xa que “levamos esperando máis de dous anos e están a provocar un parón de instalación de proxectos polo menos ata 2022”.
Marta Nóvoa salientou que “Galicia é hoxe unha potencia eólica: somos a terceira comunidade con máis potencia instalada e a segunda en xeración; contamos con 180 parques instalados e dunha potencia de case 3.800 MW, que cos proxectos instalados a finais de 2020 chegarán ata os 4.000 MW”.
“Proxectos eólicos procedentes das últimas poxas do Goberno de Mariano Rajoy e que se puideron implantar, fundamentalmente, pola axilización derivada da aprobación da Lei de implantación empresarial en Galicia”, engadiu.
“Galicia aposta de forma clara polas enerxías renovables e, en concreto, pola enerxía eólica, por xogar un papel destacado na creación de riqueza e emprego”, manifestou a portavoz popular, quen lembrou que “por este motivo o actual Goberno galego impulsou un novo concurso eólico, baseado no rigor, na concorrencia e, por suposto, no cumprimento da lei; e aprobou na pasada lexislatura a Lei de implantación empresarial, unha regulación máis áxil e con máis transparencia e seguridade sen perder as máximas garantías urbanísticas, técnicas e ambientais”.