Santiago, 16 de outubro de 2019.- O deputado do Grupo Popular Alberto Pazos solicitou hoxe que o Goberno central elabore un informe amplo e exhaustivo sobre todos os bens que puideron pasar a formar parte do patrimonio dos Franco de maneira irregular ou ilícita, “do mesmo xeito que procedeu co inventario de bens inmatriculados pola Igrexa e que xa obra en poder do Goberno de Pedro Sánchez”.
Alberto Pazos reiterou que o Grupo Popular “xa ten amosado o seu compromiso na recuperación para o público daqueles bens que se puideran ter incorporado de maneira ilegal ou irregular ao patrimonio da familia Franco”, ao que engadiu que “tampouco atoparán neste grupo parlamentario impedimento algún para que se continúen reclamando aqueles bens que presenten dúbidas de similares características no que atinxa á súa adquisición”.
RECLAMACIÓNS DE CONCELLOS E DEPUTACIÓNS
Porén, o deputado popular subliñou que “ningunha administración local ou provincial precisa da autorización do Parlamento galego para reclamar os seus lexítimos dereitos”. “É a súa obriga acudir aos tribunais para reclamar o que consideran que lles pertence”, apuntou.
En concreto, Pazos sinalou que no caso da Casa de Cornide correspondería ao Concello de A Coruña proceder á súa reclamación, do mesmo xeito que sería competencia do Concello de Dodro reclamar o Pazo de Bendaña e outros bens mobles e inmobles que sería cuestión da Deputación de A Coruña.