Santiago, 16 de xaneiro de 2020.- A viceportavoz do Grupo Popular, Marta Rodríguez Arias, demandou hoxe no Parlamento que o novo Goberno central se comprometa coa Lei de dependencia e incremente a súa cota de financiamento destes servizos ata a contorna do 50 por cento.
Marta Rodríguez Arias salientou que a Xunta destinará este ano 400 millóns de euros para atender as persoas en situación de dependencia, logo de incrementar este importe un 6 por cento respecto a 2019. “O Goberno galego está a financiar neste momento o 76 por cento da atención á dependencia que se presta en Galicia e o Goberno central o 24 por cento restante, menos da metade do comprometido na lei”, sinalou.
REFORZO DO SAF
Na súa intervención, a viceportavoz popular referiuse aos datos recollidos no Informe sobre a Dependencia realizado polo Inserso, na que se realiza unha comparativa sobre a prestación destes servizos entre as comunidades españolas. “Este documento recolle que a ratio de atención en Galicia é do 88,6 por cento, máis de sete puntos por enriba da media nacional; son máis de 61.000 as persoas atendidas; somos a segunda comunidade en servizos profesionais, cun 82,15 por cento e 13 puntos por enriba da media nacional; e se incrementaron as libranzas do persoal un 75 por cento”, salientou.
Rodríguez Arias subliñou, ademais, que a Xunta “volverá reforzar este ano o servizo de axuda no fogar, que contará cun orzamento de 76,3 millóns de euros para atender a máis de 24.000 usuarios, a comunidade española con maior cobertura deste servizo superando o 92 por cento”.