Santiago, 9 de abril de 2021.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez demandou hoxe no Parlamento que o Goberno central “poña en marcha un plan contra a exclusión financeira no ámbito rural”.
Así mesmo, amosou o apoio “ás xustas reivindicacións das traballadoras e traballadores da banca en defensa dos seus postos de traballo e do mantemento dos servizos financeiros básicos no territorio galego, demandando ás entidades bancarias o mantemento dos servizos”.
Sandra Vázquez salientou que a Xunta “está a impulsar a colaboración coas entidades financeiras que operan en Galicia para promover que toda a poboación galega, con independencia do seu lugar de residencia, teña acceso aos servizos financeiros e bancarios”. Neste sentido, lembrou que a Consellería de Facenda e Administración Pública pechou recentemente o período de información pública para dar a coñecer as bases que rexerán ás subvencións destinadas a incentivar e fomentar a prestación de servizos bancarios no ámbito rural.
FORMACIÓN AOS CONSUMIDORES MÁIS SENSIBLES
“O obxectivo é universalizar o acceso aos servizos bancarios e evitar deste xeito a exclusión financeira das persoas que viven no rural galego”, subliñou a deputada popular.
Ademais, Sandra Vázquez referiuse “aos programas, convenios e actuacións do Goberno galego que ofrecen formación ás persoas consumidoras máis sensibles, como son os maiores ou discapacitados, así como aquelas en situación de risco de exclusión social ou que viven no medio rural”.
Neste sentido, demandou que a Xunta, dentro das súas competencias en materia de consumo, continúe co seu programa de campañas informativas e a prestación de información e asesoramento en materia de servizos financeiros aos consumidores galegos, así como que se proceda á recompilación e traslado das problemáticas detectadas nesta materia ao Goberno central e ao Banco de España, aos efectos de que adopten as medidas oportunas para a súa resolución.