Santiago, 12 de maio de 2021.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez demandou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o Goberno central poña en marcha un plan contra a exclusión financeira no ámbito rural.
En concreto, pediu que se promovan as medidas necesarias para recuperar, garantir e incrementar a prestación de servizos bancarios con atención presencial aos clientes, de xeito especial ás persoas de maior idade e a determinados colectivos con maior dificultade de accesibilidade dixital.
Sandra Vázquez lamentou que o PSdeG rexeitara que esta proposta fora aprobada polo Pleno e “se puxera de costas ante unha gran parte da poboación que se ve prexudicada pola dixitalización bancaria que vivimos, pola escaseza de servizos de atención presencial, a limitación de horarios e o incremento de comisións bancarias”.
DEBERES AO GOBERNO CENTRAL E BANCO DE ESPAÑA
“Persoas maiores e persoas vulnerables atopan serias dificultades á hora de realizar trámites financeiros, como a retirada de efectivo nas súas entidades bancarias”, sinalou a deputada popular, quen demandou que “o Goberno central e o Banco de España deben actuar e facer os deberes para evitar estes agravios en persoas que descoñecen e non están familiarizadas cos avances dixitais”.
Na súa intervención, Vázquez lembrou que “o Goberno galego leva desempeñando durante anos a defensa dos dereitos dos consumidores, e considero que o Goberno central debe actuar da mesma maneira”. Neste sentido, avogou porque a Xunta continúe co seu programa de campañas informativas e a prestación de información e asesoramento en materia de servizos financeiros aos consumidores galegos, ao tempo que siga impulsando o convenio asinado coa Fegamp para universalizar o acceso aos servizos bancarios e financeiros.