O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia a través da que se pide ao Goberno de España que regule un sistema de protección ao consumidor baseado na incorporación de novas prácticas comerciais, principalmente nos eidos da contratación e na baixa de servizos, a responsabilidade pola información que se ofrece aos consumidores e na comunicación anticipada das variacións que se vaian a producir nas primas ou no alcance das coberturas no ámbito do seguros.
Os deputados populares Jesús María Fernández Rosende e Felisa Rodríguez reuníronse coa presidenta e vicepresidenta da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios de A Coruña, Rosa Celia Otero Raña e Margarita del Castillo Guzmán, respectivamente, a quen avanzaron o contido desta iniciativa parlamentaria coa que o Grupo Popular pretende avanzar nos dereitos e n a protección dos consumidores nas súas relacións coas entidades prestadoras de servizos.
BOAS PRÁCTICAS COMERCIAIS
“Consideramos que as prácticas abusivas coas persoas consumidoras poden corrixirse incorporando boas prácticas comerciais, como é o feito de que a empresa, por propia iniciativa, aplique aos seus clientes consolidados os servizos e tarifas vixentes máis baixas que ofrecen a potenciais novos clientes”, sinalaron os deputados populares.
En concreto, a proposta do Grupo Popular solicita que se estableza a obriga de que todas as compañías de servizos comuniquen aos seus clientes e, no seu caso, apliquen por defecto, as tarifas vixentes máis baixas polos servizos xa contratados ou que contraten, sen necesidade de ter que facer unha solicitude previa en ámbitos tan variados como a telefonía, os seguros, a electricidade ou o subministro de gas, entre outras.
Tamén se pide que exista un procedemento de baixa dos servizos contratados como mínimo tan áxil como o previsto para as altas, sen dilacións e atrancos indebidos que van en contra dos dereitos das persoas consumidoras.
No eido da contratación electrónica, a iniciativa do Grupo Popular demanda que se estableza un réxime de responsabilidade pola información que se ofrece ás persoas consumidoras cando se opera a través de intermediarios e non se corresponde co prezo final ou co contido e características do servizo ofertado.
Por último, no ámbito específico dos seguros, solicítase ao Goberno central que reforce a obriga de información das compañías cara aos seus clientes respecto da comunicación anticipada das variacións que se vaian a producir nas primas e os motivos que xustifican os posibles incrementos, así como unha maior flexibilidade para definir o alcance das coberturas para poder prescindir de prestacións innecesarias cando non so obrigatorias.