Santiago, 12 de xuño de 2019.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, demandou hoxe no Pleno aos socialistas galegos que “traballen para que o Goberno central elimine a taxa de reposición do persoal da sanidade pública, mentres a Consellería de Sanidade avanza na contratación de persoal e na cobertura e estabilización de postos de traballo”.
Aurelio Núñez lembrou que o Sergas “deu un paso importante coa sinatura en 2017 do Plan de estabilidade no emprego e provisión do persoal estatutario, no que se recolle o compromiso de reducir a temporalidade no servizo para chegar ao 5 por cento de persoal eventual no 2020, tres puntos por debaixo do obxectivo previsto a nivel estatal e dous anos antes do que propoñen os socialistas galegos”.
Así mesmo, o portavoz popular indicou que “desde a Consellería de Sanidade e o PPdeG temos solicitado en reiteradas ocasións ao Ministerio a eliminación da taxa de reposición”, diante do que demandou aos socialistas galegos que “convenzan ao seu goberno para que elimine esta taxa, que aprobaron no 2010 e que o PP viuse obrigado a manter pola gravísima situación de crise económica que atravesou España despois da súa nefasta xestión”.
Núñez Centeno salientou que “a oferta pública de emprego de 2019 aplica unha taxa de reposición do 108 por cento, co que a Consellería de Sanidade cumpre o compromiso de ofertar durante estes últimos tres anos as 1.279 prazas derivadas da taxa de estabilización no emprego”.
“Ademais, a esta OPE súmanse outras medidas adoptadas pola Xunta para dar maior estabilidade e mellorar as condicións de traballo do persoal do Sergas”, sinalou o portavoz popular. En concreto, referiuse ao plan de estabilidade e provisión de prazas de persoal estatutario do Sergas; o recoñecemento da carreira profesional, que beneficiará a máis de 22.000 profesionais e suporá a equiparación plena dos dereitos para todo o persoal e o pleno recoñecemento económico dos mesmos dereitos para o persoal interino; o concurso de traslados aberto e permanente; e o nomeamento estatutario de eventual de continuidade.
“Galicia é a única comunidade autónoma que mantivo as convocatorias anuais de OPE, o que permitirá que no horizonte 2017-2020 arredor de 5.000 persoas accedan a unha praza estable no sistema sanitario galego”, indicou Aurelio Núñez, quen lembrou que na OPE para o 2019 ofértanse 1.314 prazas.