Santiago, 1 de abril de 2022.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei a través da que solicita criterios comúns na normativa local en materia de uso de tarxetas para persoas con mobilidade reducida, así como unha maior certeza e seguridade xurídica para as persoas usuarias de dita acreditación en materia de gratuidade do estacionamento nas zonas da ORA, estacionamento nas zonas de carga ou descarga por tempo limitado, e permisos para poder circular en zonas peonís ou en zonas de plataforma única, así como en todo o relativo á axeitada construción e sinalización tanto horizontal como vertical das prazas de aparcamento PMR.
A tarxeta de aparcamento de vehículos para persoas con mobilidade reducida ten como finalidade facilitar os desprazamentos daquelas persoas que, debido á súa discapacidade, teñan limitada a súa capacidade de movemento coa conseguinte dificultade para a utilización dos medios de transporte público. Esta tarxeta facilita que o vehículo da persoa con discapacidade poida aparcar en lugares regulados nos que os demais vehículos teñan restricións maiores ou non poidan facelo.
NORMATIVA VARIADA
A deputada popular Rosalía López explicou que “na actualidade estamos en condicións de afirmar que a normativa municipal en canto ao uso das tarxetas para persoas con mobilidade reducida é enormemente variada e dispersa, circunstancia que xera a lóxica inseguridade nas persoas usuarias destes vehículos, sobre todo cando teñen que desprazarse a outros municipios”.
Neste sentido, manifesta que “en moitas corporacións locais aínda non existe unha conciencia de inclusión que facilite a circulación viaria e o aparcamento ás persoas con discapacidade, que se ven abocadas a trasladarse en vehículo sen poder prescindir do mesmo”.
COOPERACIÓN E COLABORACIÓN
Deste xeito, Rosalía López solicita “unha maior certeza e seguridade xurídica para as persoas usuarias desta tarxeta de estacionamento de vehículos en materia de gratuidade no aparcamento nas zonas da ORA e nas zonas de carga e descarga por tempo limitado, permisos para poder circular en zonas peonís ou en zonas de plataforma única, así como en todo o relativo á axeitada construción e sinalización, tanto horizontal como vertical, das prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida”.
O Grupo Parlamentario Popular aposta por unha maior cooperación e colaboración entre a Xunta de Galicia e os concellos para establecer uns criterios comúns de aparcamento accesible, a fin de acadar a autonomía e a inclusión social e profesional das persoas con discapacidade, de acordo cos principios de non discriminación, accesibilidade universal e igualdade de oportunidades.