Santiago, 7 de xullo de 2021.- O deputado do Grupo Popular José Luís Ferro insistiu hoxe no Parlamento galego, do mesmo xeito que se recolle no ditame da Comisión de reactivación económica, social e cultural de Galicia ante a crise da Covid-19, que a Xunta apoie ao sector do videoxogo para aproveitar as posibilidades de impacto económico e establecer sinerxias entre os creadores galegos e os profesionais implicados no desenvolvemento tecnolóxico.
?É preciso recordar que Galicia foi a primeira CCAA de España cun Plan de Reactivación Cultural aprobado en abril do ano pasado, de todos os sectores culturais con mais 26M€ ampliado, con importantes axudas ao sector audiovisual, indica José Luis Ferro no @Par_Gal pic.twitter.com/hgpDw9kWME
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) July 7, 2021
Así mesmo, demandou a posta en marcha dun programa de ocio interactivo e cultura dixital con liñas de apoio para este sector emerxente.
José Luís Ferro lembrou que a Xunta “xa anunciou o pasado ano a posta en marcha dun hub do audiovisual e das industrias creativas, cunha dotación de 9,6 millóns de euros”, polo que a Administración galega “leva meses dialogando con todos para avanzar no deseño desta iniciativa, con proxectos transversais e outros específicos para o sector audiovisual e o dos videoxogos”.
ESTRATEXIA DIXITAL
“Os obxectivos concretos son incentivar a creación e mellorar a competitividade das empresas culturais galegas; favorecer o crecemento económico e a creación de emprego; e acoller á maior parte da cadea de valor”, concretou.
No ámbito da dixitalización, o deputado popular afirmou que a Xunta traballa de maneira global e transversal ao redor da Estratexia Dixital de Galicia, “un documento en liña coas directrices fixadas por Europa que busca situar á Comunidade galega como unha rexión de referencia no entorno comunitario onde o uso das tecnoloxías dixitais contribúa a aumentar a calidade de vida e o desenvolvemento sostible nas súas tres vertentes: social, económica e medio ambiental”.
De cara ao futuro, Ferro avanzou que a Xunta xa anunciou que comezará a traballar na futura Lei de transformación dixital da cultura, ao tempo que afondará na Memoria Dixital de Galicia e potenciando Galiciana, a biblioteca e o arquivo dixital de Galicia.