Santiago, 14 de xuño de 2017.- O deputado do Grupo Popular Jaime Castiñeira defendeu esta mañá no Parlamento que a Xunta continúe impulsando melloras na estrada LU-170 no concello lucense de Xermade, en particular para o remate da obra de conservación que se está a executar entre o puntos quilométricos 18,250 e 28,760, así como a adxudicación e posterior realización da senda peonil e ciclista entre o campo de fútbol de O Chao e a área recreativa de Cabreiros.
Jaime Castiñeira explicou que a Xunta conta cun proxecto de actuación no tramo da LU-170 comprendido entre as proximidades do parque empresarial de Xermade e Cabreiros, que consiste na ampliación a sete metros da plataforma da estrada e a rehabilitación do firme.
MÁIS DE DOUS MILLÓNS DE EUROS
“Esta actuación, que suporá un investimento próximo aos dous millóns de euros, está preparada e lista para a súa licitación unha vez que a Xunta dispoña de partida orzamentaria para levala adiante”, concretou Castiñeira.
Así mesmo, o deputado popular apuntou “mentres non se leven adiante estas obras, a Xunta está a realizar obras de mellora da calzada da LU-170 entre os puntos quilométricos 18,250 e 28,760, unha actuación que permitirá rehabilitar o firme da estrada con dobre tratamento superficial”.
Respecto da senda peonil entre o campo de fútbol de O Chao e a área recreativa de Cabreiros, Jaime Castiñeira indicou que a Xunta xa ten en proceso de licitación o contrato desta obra, que suporá un investimento superior aos 155.000 euros.
Este proxecto contempla a construción dunha senda de uso peonil e ciclista de 545 metros de lonxitude. “É necesario reforzar a seguridade viaria neste tramo da estrada, tendo en conta o considerable número de desprazamentos de peóns sen beirarrúas nin sendas peonís, o que orixina situacións de risco para a seguridade”, manifestou Castiñeira.