Santiago, 3 de xullo de 2019.- A deputada do Grupo Popular Sandra Vázquez demandou hoxe no Parlamento que a Xunta impulse unha lingua de signos galega, unha vez que as asociacións e entidades que representan ao colectivo de persoas xordas en Galicia expresen o seu posicionamento sobre esta iniciativa e se impliquen activamente no seu desenvolvemento.
Sandra Vázquez manifestou que “as persoas xordas, con discapacidade auditiva ou sordocegas viven nunha sociedade formada maioritariamente por persoas oíntes, polo que a súa integración debe superar as barreiras existentes na comunicación”.
No debate dunha proposición non de lei do BNG sobre unha lingua de signos galega, a deputada popular avogou “polo consenso, a colaboración e a máxima interconexión coas entidades e colectivos afectados, xa que son eles os que nos deben encamiñar nas súas necesidades e que non acaben sendo prexudicados polas lexislacións sen consenso”.
CONSENSO COS COLECTIVOS AFECTADOS
“Impoñer unha lingua de signos galega non é a forma de traballar do Goberno galego, polo que a Xunta traballa de maneira consensuada cos colectivos afectados”, sinalou Vázquez. En concreto, apuntou que o Goberno galego “está en permanente contacto coa Federación de Asociacións de persoas xordas de Galicia e en ningún momento se lle dou traslado dun código de carácter oficial avalada pola comunidade de xordos”.
Neste sentido, lembrou que o Goberno galego puxo en marcha en 2011 un sistema de videointerpretación en lingua de signos para persoas xordas no Rexistro Xeral da Xunta, ao que seguiu en 2014 a sinatura dun convenio coa Federación de Asociacións de persoas xordas de Galicia para facilitar o acceso ás persoas con discapacidade auditiva e da fala aos servizos de emerxencia. Ademais, en xullo de 2018 asinouse outro convenio para a posta en marcha dunha aplicación móbil para o sistema de videointerpretación.