Santiago, 14 de xuño de 2018.- O deputado do Grupo Popular Jacobo Moreira defendeu hoxe no Parlamento que a Xunta incorpore ao proxecto de reforma da estrada comarcal PO-403, dentro das súas posibilidades, as suxestións recibidas no proceso de información pública, co obxectivo de mellorar tanto a seguridade viaria como dos peóns.
En concreto, Jacobo Moreira referiuse á necesidade de completar os percorridos peonís en ambas marxes no ámbito do proxecto, mellorar a seguridade viaria dos pasos de peóns, e cumprir a normativa de accesibilidade nos largos das beirarrúas ou sendas e nos pasos de peóns.
Así mesmo, demandou o establecemento de medidas de redución efectiva da velocidade nos treitos rectos e de pendente, ao tempo que se estuden en todo o treito medidas de mellora da accesibilidade e da conectividade co resto do viario transversal en condicións de seguridade viaria.
Moreira lembrou que “todo o referente ao alumeado público é competencia municipal”, polo que demandou ao Concello de Ponteareas a mellora da iluminación en todo o percorrido.