Raquel Arias expuxo os criterios lexislativos polos que unha administración pode declarar un organismo como praga, que se establecen unicamente na Lei 43/2002 do 20 de novembro de sanidade vexetal. “Dita lei define praga como un organismo nocivo de calquera especie, raza ou biotipo vexetal ou animal, ou axente patóxeno daniño para os vexetais ou os produtos vexetais”, concretou.
Deste xeito, “a solicitude dos socialistas de declarar a velutina como praga, máis alá dunha brincadeira política, non tería ningún efecto práctico ao non existir ningunha normativa que considere este insecto un organismo nocivo para os vexetais ou produtos vexetais”.
Arias contrapuxo a definición de praga da lei de sanidade vexetal co significado que contempla o dicionario da Real Academia Galega, “que se axusta á idea que temos na sociedade do que é unha praga, pero que nada ten que ver coa base lexislativa sobre a que temos que traballar e debater no Parlamento galego”. Un insecto que, lembrou, “si ten a consideración de especie exótica invasora por parte da UE”.
A deputada popular explicou que, a pesar da imposibilidade legal de declarar a velutina como praga, a Xunta “é consciente dos danos que provoca este insecto e leva actuado para frear a súa expansión dende a súa primeira aparición en Galicia”. Por iso, lembrou que a día de hoxe son xa 125 os concellos que participan no plan da Xunta para o control e vixilancia da velutina despois da incorporación no día de hoxe de tres municipios ourensáns, e lembrou que no que vai de 2018 a Xunta leva retirado ou desactivado 17.507 niños.
Ademais, asegurou que nos últimos tres anos as distintas consellerías implicadas impartiron un total de 34 cursos, nos que se formaron preto de 1.400 técnicos, e distribuíronse máis de 500 equipos de protección individual, 167 pértegas e máis de 13.000 trampas coas correspondentes doses de líquido atraente.
Do mesmo xeito, destacou a importancia das diferentes liñas de investigación abertas, tanto a nivel galego como internacional, no control da velutina, e anunciou que Unión Europea comunicou a semana pasada a aprobación do proxecto Positive, no que participan unha trintena de entidades e centros de investigación de España, Francia e Portugal, entre elas a Xunta, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural.