Santiago, 19 de setembro de 2018.- O portavoz de Sanidade do Grupo Popular, Aurelio Núñez Centeno, demandou hoxe no Parlamento ao Goberno central a posta en marcha dos mecanismos que melloren a situación das persoas afectadas por enfermidades crónicas graves e a súa posible reincorporación aos seus postos de traballo unha vez superadas as súas doenzas.
Aurelio Núñez explicou que “as cualificacións do grao de incapacidade son revisables, tanto por agravamento como por melloría”. “Os avances no diagnóstico e tratamento de enfermidades graves, no marco da mellora da sanidade pública nos últimos anos, teñen feito que moitos procesos de extrema importancia, nomeadamente cadros oncolóxicos que ata hai poucos anos tiñan unha esperanza de vida mínima e ningunha posibilidade de recuperación das capacidades funcionais para o traballo, sexan hoxe recuperables ou, inclusive, con escasas secuelas en moitos casos”, apuntou.
“Non é axeitado falar de listado de enfermidades para acadar a situación de incapacidade permanente, porque débese valorar o grao de afectación para o traballo a cargo dos equipos de valoración especializados, deostados por algúns partidos políticos da oposición nun debate celebrado no Congreso sobre este mesmo tema”, sinalou Núñez Centeno. Neste sentido, dixo que “habitualmente estas persoas esgotan o prazo de incapacidade temporal, e as prórrogas regulamentarias, que normalmente representan un prazo de 18 meses, pasando despois á situación de incapacidade permanente por todo o tempo que precisen para o seu tratamento”.
Así mesmo, lembrou que “na lexislación vixente xa está contemplada a reserva do posto de traballo para estas persoas cualificadas con incapacidade permanente por un prazo de dous anos, aínda que habería que estudar a posibilidade da ampliación deste prazo”.
BANDAZO SOCIALISTA
Aurelio Núñez criticou “o bandazo dado polo grupo socialista no debate desta proposición non de lei, xa que o mesmo texto ao que se abstiveron hoxe no Parlamento galego contou co seu voto favorable no Congreso dos Deputados no ano 2014”.
“A única diferencia existente é que naquela ocasión a mesma demanda contida nesta iniciativa do BNG para mellorar as atención ás persoas con incapacidade permanente, que presenta numerosos erros de concepto, ía dirixida a un goberno do Partido Popular, e agora recúan para non comprometer ao Goberno socialista de Pedro Sánchez”, explicou.
Ademais, destacou a incongruencia entre o discurso mantido polo deputado do PSdeG na comisión do Parlamento galego celebrada hoxe, amosándose absolutamente oposto á iniciativa orixinal do BNG pero absténdose finalmente á mesma a pesar da negativa nacionalista a aceptar a emenda socialista.