Santiago, 5 de xuño de 2019.- O deputado do Grupo Popular Moisés Blanco demandou hoxe no Parlamento que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) intensifique as súas axudas dirixidas ao sector agrícola primario para a mellora da eficiencia e o aforro enerxético, así como para o fomento das enerxías renovables.
Moisés Blanco lembrou que o Inega xa conta na actualidade cunha liña de axudas específicas para mellorar o abastecemento enerxético ao sector agrícola primario, que contemplan intensidades de subvención do 55 por cento para pequenas empresas, do 45 por cento para medianas e do 35 por cento para grandes empresas.
INVESTIMENTO E POSTOS DE TRABALLO
Así, o pasado ano o Inega concedeu un total de 85 axudas, por un importe de 1,28 millóns de euros, o mesmo número de axudas que se concederan no 2017 por unha contía de 1,19 millóns de euros. A convocatoria para 2019 pechou o pasado 31 de maio e está previsto o reparto de 1,72 millóns de euros entre os solicitantes.
“Estas convocatorias están a mobilizar un investimento directo duns 8 millóns de euros, que acadan os 15 millóns considerando os impactos indirectos, e contribuirán a crear ou manter arredor de 120 postos de traballo na contorna rural”, sinalou o deputado popular.
Blanco tamén solicitou que as empresas distribuidoras de enerxía eléctrica realicen as actuacións necesarias para que se manteña ou mellore a calidade do subministro eléctrico nas zonas rurais, “aínda que nos últimos anos o tempo e o número de interrupcións téñense reducido considerablemente nas zonas rurais”.