Santiago, 9 de xullo de 2019.- A deputada do Grupo Popular Maribel Novo Fariña demandou hoxe no Pleno do Parlamento que se retome a mesa de diálogo, creada en 2017 coa participación das principais entidades do ámbito das artes escénicas galegas, para tratar da situación actual do Centro Dramático Galego (CDG) e do papel dunha compañía pública de produción teatral no contexto da Galicia do século XXI.
Maribel Novo manifestou que “temos que afrontar novos retos e cambios sociais, pero sen esquecernos da importancia do papel do Centro Dramático Galego, que tanto aportou e contribuíu ao sector escénico galego e que seguro que o seguirá facendo”.
DENTRO DA LEGALIDADE
Na súa intervención, a deputada popular lembrou que o CDG “é unha compañía pública que ten que asegurar as condicións de contratación dentro da legalidade”, polo que avogou por “buscar solucións dentro da legalidade respectando sempre que se trata dun centro libre, plural e aberto”.
“Temos unha estratexia para o sector cultural, traballando man a man co sector, co obxectivo de garantir que os galegos teñan unha oferta cultural o máis rica posible co desenvolvemento e progreso das artes escénicas, buscando un acordo e un consenso que garanta o futuro do Centro Dramático Galego”, sinalou.