Santiago, 11 de novembro de 2020.- O portavoz de Turismo do Grupo Popular, Borja Verea, afirmou hoxe no Parlamento que “ante situacións de pechamento obrigatorio dos locais de hostalería e, polo tanto, ante a incompatibilidade desta actividade económica coa situación sanitaria, a única saída son solucións de rescate nas que se deben implicar todas as administracións: municipal, autonómica, estatal e europea”.
Na súa intervención no Pleno, Borja Verea trasladou “todo o noso apoio, político e institucional, ao turismo galego, un dos principais motores económicos de Galicia, e principalmente a hostalería, que están sufrindo unha crise sen precedentes logo dun ciclo extraordinario”.
“É o momento da unidade de acción, e así nolo está a pedir todo o sector e toda a sociedade galega, que entende o momento crítico desta actividade económica”, indicou.
AUSENCIA DE AXUDAS DO GOBERNO CENTRAL
Neste sentido, o portavoz popular lembrou que a Xunta “xa anunciou que mobilizará todos os recursos orzamentarios que teña á súa disposición para salvar aos sectores máis afectados”. En concreto, sinalou que a semana pasada, xunto coas novas restricións, anunciouse unha liña de axudas directas para todo o sector hostaleiro, que poderá chegar ata os 7.000 euros por establecemento e nunca menos de 2.200 euros para os pequenos autónomos da hostalería.
Porén, Borja Verea lamentou “a ausencia total de medidas de impacto para as industrias turísticas e hostaleiras no borrador de orzamentos xerais do Estado para o 2021”, poñendo como exemplo “da falta total de confianza na nosa industria turística que non haxa nin un só euro para o Xacobeo 2021”.
Así mesmo, criticou que o Goberno central tampouco atenda a iniciativa aprobada neste Parlamento demandando a baixada do IVE turístico ao 4 por cento, “unha medida de alto impacto, máis necesaria que nunca e que axudaría a repoñerse a un sector fundamental para a economía de Galicia e do conxunto de España”. “Esta rebaixa aliviaría notablemente a carga fiscal á que están sometidos os visitantes, incentivando a demanda e dinamizando economicamente un sector profundamente debilitado nestes momentos”.
Para rematar, Verea referiuse aos concellos para que “se sumen a este apoio neste momento, como esa administración próxima que son e coñecedores ademais, das circunstancias particulares do turismo diferente en cada cidade e vila”. Así, concretou que desde as administracións locais pódense activar axudas directas e reducir os impostos e taxas, como o IBI e os diferentes tributos sobre terrazas ou recollida de lixos, entre outros,