O portavoz de Medio Ambiente do Grupo Popular, Gonzalo Trenor, demandou hoxe no Pleno do Parlamento de Galicia a creación dun marco normativo estatal específico e dunha planificación enerxética que faciliten a implantación das instalacións de biogás para aproveitar as potencialidades de Galicia neste ámbito. Ademais, fixo un chamamento aos concellos para que cumpran coa súa propia normativa e as ordenanzas que limitan as actividades molestas ou contaminantes.
Gonzalo Trenor lamentou que “unha vez máis o BNG quedouse totalmente illado na defensa dunha das súas demagóxicas iniciativas, porque está máis preocupado en atacar á Xunta que de dar solucións nin de que cada administración asuma as súas competencias, como é o caso das plantas de biogás”.
Así, lembrou que a Xunta, “aínda que na actualidade non existe unha normativa específica, sempre avalía as afeccións á poboación, á saúde, ao medio ambiente ou ás cuestións relacionadas co transporte de residuos de calquera proxecto na súa tramitación ambiental, tal e como se puxo de manifesto na tramitación da planta de biogás que se quería instalar na parroquia lucense de Coeses”.
“A Xunta é consciente da necesidade de garantir o equilibrio entre o despregamento desta enerxía renovable co respecto ao medio ambiente e a saúde pública”, indicou o portavoz popular, quen considerou “importante dar resposta a unha problemática crecente que non pode supor unha traba á descarbonización e ao impulso da economía circular”.
Trenor afirmou que “atopámonos con que a ausencia dun marco normativo e dunha planificación enerxética que faciliten a implantación destas instalacións de biogás tradúcense no desaproveitamento do potencial de España como terceiro país produtor europeo desta enerxía, só por detrás de Alemaña ou Francia”.