Santiago, 13 de febreiro de 2021.- O Grupo Popular vén de rexistrar unha proposición non de lei no Parlamento de Galicia a través da que solicita que a Xunta elabore un plan preventivo para o presente ano 2021 que aglutine todas as accións necesarias para minimizar os riscos de incendios e aumentar a resiliencia do noso territorio.
A portavoz do Medio Rural, Elena Candia, afirma que “a prevención constitúe unha das bases fundamentais na loita contra os incendios forestais, sendo unha das fases previas prioritarias”. “As accións preventivas non só permiten evitar que se produzan lumes na Comunidade galega, senón que no caso de producirse, limitan ao máximo a súa propagación e minimizan os danos causados”.
GARANTIR A SEGURIDADE
En concreto, o eixo de actuación pasa pola eliminación de riscos, tanto os que poden representar a orixe dos lumes como a súa propagación. Así, a iniciativa do Grupo Popular demanda desde a realización de todo tipo de rozas ata o mantemento de puntos de auga e de pistas, pasando por queimas controladas e outras labores silvícolas. “En definitiva, todo o que sexa positivo e necesario para incrementar a resiliencia e a seguridade do monte galego”, apuntou Elena Candia.
O Plan preventivo levado a cabo pola Consellería do Medio Rural durante o pasado ano tivo unha afectación moi positiva sobre o terreo, minimizando os riscos por medio dunha planificación organizada de diversas actuacións preventivas.
“Por este motivo, desde o Grupo Popular consideramos prioritario garantir a seguridade no monte galego, tanto para o territorio como para as persoas e os seus respectivos bens, e polo tanto, este tipo de accións preventivas deben ser reiteradas e realizadas canto antes”.