19 de setembro de 2023. O Grupo Popular demandará no Pleno do Parlamento galego da vindeira semana que o Goberno de España adopte as medidas oportunas ante as autoridades europeas para que o itinerario noroeste do Corredor Atlántico non sexa excluído do órgano xestor da futura rede europea de mercadorías. Así mesmo, insistirá ao Goberno central para que aprobe, con carácter inmediato, un marco de subministración eléctrica competitiva, estable e predicible para a gran industria consumidora de enerxía.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Alberto Pazos, informou que a sesión plenaria dará comezo co debate de toma en consideración da proposición de lei, de iniciativa popular, para a restauración do texto fidedigno do himno galego e a súa difusión. “Sempre agradecemos este tipo de iniciativas popular”, salientou, para destacar a axilidade na tramitación deste tipo de propostas no Parlamento galego “gracias á reforma da lei que impulsou o Grupo Popular, co voto en contra de toda a oposición”.
CORREDOR ATLÁNTICO E SUBMINISTRO ENERXÉTICO
A continuación, a orde do día do Pleno inclúe a comparecencia do conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a petición propia, para informar do inicio do curso 2023-24 no ensino non universitario de Galicia. Pazos explicou que esta comparecencia “terá lugar, como é normal, unha vez está o novo curso escolar en funcionamento, e non como pedían os grupos da oposición hai dúas semanas sen coñecer como se produciu a incorporación dos estudantes ás aulas”.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular pedirá ao Goberno de España que adopte as medidas oportunas diante das autoridades europeas co obxecto de que o itinerario noroeste do Corredor Atlántico, no que figura expresamente Galicia, non sexa excluído do mapa deseñado para a posta en marcha do órgano xestor da futura rede ferroviaria europea de mercadorías.
O portavoz popular lembrou que se trata “dun tema sobre o que xa temos amosado a nosa preocupación e pediu ao Goberno de Pedro Sánchez que “acabe co ninguneo de Galicia”. Así, demandoulle “iniciativa para corrixir esa ausencia do itinerario noroeste do Corredor Atlántico” e criticou que o comisionado estea a “evitar calquera reunión co Goberno galego para abordar a situación do Corredor Atlántico”.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular ten como obxectivo incistir na necesidade de que o Goberno central aprobe, con carácter inmediato, un marco de subministración eléctrica competitiva, estable e predicible para a gran industria consumidora de enerxía eléctrica.
PROMESAS SEN CUMPRIRSE
“Xa pasou máis dunha campaña electoral desde que se prometera por parte do Goberno do Estado solucionar este problema” de subministro de enerxías ás empresas electrointensivas, pero “pasan os anos e esas promesas seguen sen cumprirse”, manifestou Alberto Pazos, quen lembrou que “Galicia precisa de ferramentas para que a súa industria traballe en igualdade de condicións que as súas competidoras europeas”.
Por último, e dentro do apartado de preguntas ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase polas medidas adoptadas para controlar as poboacións de xabaril en zonas urbanas e periurbanas; sobre a non rebaixa do IVE nos produtos do mar, que está a impactar negativamente no seu consumo; e sobre a información actualizada que existe respecto dos prazos para a entrada en funcionamento dos trens Avril.