Santiago, 20 de abril de 2021.- O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno de España sitúe de novo os proxectos de Vigo entre as súas accións urxentes, poñendo solución a carencias estruturais e rectificando textos legais e medidas que prexudican directamente a esta cidade.
Así mesmo, solicitará o rexeitamento da resolución do Parlamento Europeo sobre o aumento dos recursos pesqueiros no mar, de forma que se reconsidere o seu contido en favor do xusto equilibrio entre sustentabilidade ambiental e as dimensións económica e sociolaboral da actividade pesqueira.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz popular, Pedro Puy, informou que a sesión plenaria inclúe a comparecencia do conselleiro de Facenda e Administración Pública, por petición propia, para informar sobre o peche do exercicio 2020 e do gasto extraordinario ocasionado pola pandemia da Covid-19.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular solicitará ao Goberno de España a reactivación dunha serie de proxectos urxentes que permanecen durmidos, viron reducida a súa dotación orzamentaria ou desapareceron dos plans do Goberno de Pedro Sánchez.
DEMANDAS CONCRETAS
En concreto, Pedro Puy demandou a reactivación de proxectos pendentes coa cidade de Vigo sobre infraestruturas viarias e ferroviarias, de industria e de abastecemento de auga como: a amplicación da AP-9 en Chapela; a integración desta autopista en Vigo; a conexión da AP-9 co Ifevi; a remodelación da Avenida de Madrid; o soterramento da VG-20 en Navia; a solución aos problemas do sistema de abastecemento; un compromiso real co Corredor Atlántico, a saída sur ferroviaria da cidade, o AVE Vigo-Porto e Ourense-Vigo por Cerdedo; a conexión de Vigo á rede de transporte eléctrico a 220 kv; e a aposta pola planta de baterías en Vigo.
?O @ppdegalicia defenderá no Pleno @Par_Gal centrada no futuro da primeira cidade de Galicia e centro da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, con proxectos dependentes do Goberno central nos que non se está a avanzar e poden lastrar o futuro da cidade de Vigo @PPdeVigo pic.twitter.com/TDm5fz2W2k
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) April 20, 2021
A iniciativa do Grupo Popular tamén incorpora a transferencia da AP-9 a Galicia, aplicando bonificacións e suprimindo a peaxe de Redondela; apoios para o Xacobeo 2021-2022 en Vigo; a execución do proxecto da biblioteca pública nacional; e unha rectificación da Lei de cambio climático e a Lei de pesca sostible nos artigos que prexudican directamente aos intereses de Vigo e a súa área.
Unha segunda proposición non de lei do Grupo Popular amosa o rexeitamento á resolución do Parlamento Europeo sobre un aumento dos recursos pesqueiros e medidas para promover a recuperación das poboacións de peixes por riba do rendemento máximo sustentable, de tal xeito que se reconsidere o seu contido en favor do xusto equilibrio entre a sustentabilidade ambiental e as dimensións económica e sociolaboral da actividade pesqueira.
?O @ppdegalicia defenderá no Pleno do @Par_Gal dirixirse ao Parlamento Europeo e á DG Mare para amosar o rexeitamento a Resolución sobre aumento dos recursos pesqueiros no mar xa que contén aspectos moi negativos para os intereses da frota pesqueira galega pic.twitter.com/wuhHM8IdrG
— GrupoPopularGalicia (@GrupoPopularGal) April 20, 2021
Esta resolución non recoñece os esforzos e logros do sector pesqueiro cara a sustentabilidade, xa que substitúe o criterio de rendemento máximo sustentable polo rendemento máximo económico. Deste xeito, supón unha excesiva presión ambiental sobre o sector, que xa ten que afrontar retos como os efectos da obriga de desembarque, o Brexit, a pandemia da Covid-19 e a futura reforma do regulamento de control.
Por último, e dentro do apartado de preguntar ao Goberno galego, o Grupo Popular interesarase pola situación na que se atopan neste momento as obras de saneamento da ría de Pontevedra; o desenvolvemento do VII Plan Estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020; e as prazas que ofrece o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) en cursos de prevención de riscos laborais ao abeiro do actual plan anual de formación.