Santiago, 18 de maio de 2021.- O Grupo Popular demandará no Pleno da vindeira semana que o Goberno central transfira á Comunidade galega os 204 millóns de euros da mensualidade do IVE correspondente ao mes de novembro de 2017, así como os máis de 40 millóns que se deben aos concellos galegos por esta mesma cuestión. Ademais, o Grupo Popular solicitará na sesión plenaria a promoción e dinamización do sector da eólica mariña offshore, avaliando o asentamento de parques eólicos no contorno mariño contiguo garantindo o respecto e compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño.
Ao remate da Xunta de Portavoces, o portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, informou que o Pleno comezará co debate, para a súa toma en consideración, do proxecto de lei de recoñecemento da universidade privada Universidad Intercontinental de la Empresa, con sede na Comunidade galega.
CON TODOS OS PARABÉNS
Trátase dunha iniciativa que naceu no ano 2018 por parte da Fundación Galicia Obra Social-Afundación e que conta con todos os parabéns da Secretaría Xeral de Universidades, da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, do Consello Galego de Universidades e do Consello Económico Social, entre outros, así como o visto e prace do Ministerio de Universidades.
A continuación, terá lugar a comparecencia do conselleiro do Medio Rural para informar do avance das negociacións e da postura de Galicia cara ao desenvolvemento da futura PAC 2023-2027. “Estamos a negociar cuestións que cremos son de xustiza, como o apoio para a posta en marcha e mellora de superficies agrarias recuperadas no ámbito agrícola e gandeiro; ou dos aspectos redistributivos da PAC, de xeito que se contemple algún complemento para as pequenas e medianas explotacións”, concretou Pedro Puy.
Dentro do apartado de proposicións non de lei, o Grupo Popular demandará que o Goberno central abone a Galicia os 204 millóns de euros que lle debe da mensualidade do IVE correspondente a 2017 e que non liquidou en 2019, máxime despois de que o Tribunal Supremo sentenciara a favor da Comunidade galega a pasada semana.
Pedro Puy lembrou que o Goberno galego “intentou todo antes de recorrer aos tribunais a transferencia destes fondos”, denunciando a débeda no Consello de Política Fiscal e Financeira; reclamando por carta a devolución tanto á ministra de Facenda como ao propio Presidente do Goberno de España; remitindo informes xurídicos que facilitaban unha solución; e formulando alternativas para facer efectivo o abono.
RECLAMAN O QUE LLES CORRESPONDE
“As comunidades autónomas están a reclamar o que lles corresponde, e a sentenza do Tribunal Supremo deixa claro que se vulnerou o dereito á autonomía financeira e o principio de lealdade institucional; que o Goberno de Pedro Sánchez orixinoulle un quebranto económico ás comunidades; e que esa actuación produciu un enriquecemento indebido para a Administración do Estado”, apuntou.
En segundo lugar, o Grupo Popular instará á Xunta a promover e dinamizar o sector da eólica mariña offshore, avaliando o asentamento de parques no contorno mariño garantindo o respecto e compatibilidade coas actividades pesqueiras e a preservación do ecosistema mariño. Ademais, solicítase que se constitúa un observatorio para o diálogo e o coñecemento, co obxectivo de promover a realización de estudos ambientais e socioeconómicos específicos para Galicia, que analicen as oportunidades e impacto que podería orixinar a implantación destes parques eólicos nas costas galegas.
O portavoz popular lembrou que a Unión Europea “recoñece a importancia de fomentar este tipo de enerxía limpa e insiste na capacidade da eólica mariña para a creación de empregos, que en Galicia debemos aproveitar gardando os intereses de todas as partes cuxas actividades conflúen nos espazos mariños contiguos á costa”.
Dentro do apartado de preguntas, o Grupo Popular interesarase polos avances que se teñen producido respecto á dotación no Sergas de novas tecnoloxías destinadas á diagnose e á mellora tecnolóxica dos bloques cirúrxicos; sobre as melloras nas infraestruturas sanitarias que se realizaron e que servizos se implantaron nos centros hospitalarios da provincia de Lugo desde o ano 2010; e sobre a folla de ruta a seguir polas distintas administracións públicas de cara a garantir o mantemento do emprego e a produción en Ence.