O portavoz do Mar do Grupo Popular, Miguel Fidalgo, defendeu hoxe no Pleno do Parlamento galego “o esforzo, a profesionalidade e a capacidade da investigación mariña que se realiza en Galicia co obxectivo claro de recuperar, canto antes, a plena capacidade produtiva das nosas rías”. Neste sentido, criticou ao BNG por “desprestixiar aos investigadores, biólogos, químicos e técnicos que traballan arreo para garantir que os nosos peixes e mariscos sigan sendo os mellores do mundo”.
Miguel Fidalgo puxo de manifesto que “os que son capaces de afirmar que non hai datos, que se ocultan estudos ou que non se fai nada con eles, son os mesmos que recoñecen na súa iniciativa que a Xunta leva máis de 30 anos tomando datos ambientais da franxa costeira; que a ría de Arousa é, con diferenza, unha das máis estudadas do mundo; que Galicia conta cun Observatorio costeiro plenamente operativo desde hai máis de 15 anos; ou que existe unha rede de estacións oceanográficas que miden, de forma continua, variables como a temperatura, a salinidade, o pH ou a turbidez da auga”.
POTENTE ESTRUTURA
Máis en concreto, o portavoz popular subliñou que Galicia conta “cunha potente estrutura de centros de referencia, como o Intecmar, o Cetmar, o CIMA, o Igafa, o CESGA, Meteogalicia ou o Observatorio Costeiro e as asistencias técnicas ás confrarías”. Así mesmo, dixo que se investiron 24 millóns de euros no reforzo do labor dos preto de 350 profesionais que se dedican á investigación mariña en Galicia, ao tempo que se conta con máis de 250 membros da comunidade científica e máis de 4.100 profesionais involucradas nun plan de traballo específico en 11 áreas estratéxicas. “Sen esquecer o Plan de competitividade e sostibilidade do marisqueo 2024-2025, que mobilizou xa máis de 70 millóns de euros en liñas de axuda deseñadas en colaboración co propio sector, atendendo as súas necesidades reais”, dixo.
“Galicia é unha potencia en Europa porque somos a rexión pesqueira que conta cos centros de investigación máis importantes do continente; porque levamos máis de 30 anos estudando o noso mar, porque vivimos del e porque entendemos que sen coñecemento non hai sustentabilidade nin futuro; e porque temos as mellores augas do planeta, que temos a responsabilidade de coidalas e melloralas, e iso só e posible desde a colaboración, a investigación e a planificación”, afirmou.