A portavoz de Política Social do Grupo Popular, Raquel Arias, salientou hoxe que a Estratexia galega contra a soidade non desexada, dotada con 145 millóns de euros, incorpora medidas dirixidas á detección, sensibilización, prevención e intervención para favorecer un envellecemento saudade. Así mesmo, considerou “inaceptable o recorte do Goberno de Pedro Sánchez nas súas aportacións pola aplicación da Lei de dependencia, ao pasar do 40 por cento en 2023 ao 34,9 por cento en 2024, co agravante que vimos de coñecer de que chegaron a un acordo bilateral co País Vasco para garantir o pago do 50 por cento como marca a Lei”.
“Estamos a falar dun novo escándalo do Goberno central, que ten cómplices aos socialistas e nacionalistas galegos, que mentres aquí reclaman coa boca pequena o abono dese 50 por cento da Lei de dependencia, en Madrid din si a todo o que lle pide Pedro Sánchez, preferindo apoiar a nacionalistas vascos e cataláns antes que a Galicia”, sinalou.
PARTE ACTIVA DA SOCIEDADE
Dentro da Estratexia galega contra a soidade non desexada, Raquel Arias afirmou que a Xunta xa traballa para poñer en marcha un mecanismo que faga que as persoas de máis idade formen parte activa da sociedade, “porque teñen moito que aportar e para que gocen da mellor calidade de vida durante o maior tempo posible”.
“Por iso, o Goberno galego segue avanzando no impulso de medidas que nos permitan garantir unha vida activa, saudable e independente, entendendo o envellecemento activo non só como a actividade física, senón tamén a intelectual e a participativa”, sinalou. En concreto, lembrou que dentro dos programas de envellecemento activo e loita contra a soidade non desexada figuran medidas como o Benestar en Balnearios, o programa Xuntos polo Nadal, o Carné +65 ou as aulas senior.
Así mesmo, apuntou que, “desde esta nova perspectiva, estase redactando a estratexia galega contra o idadismo, cuxas liñas xerais xa foron presentadas polo Goberno galego, porque ese 27 por cento dos galegos que teñen máis de 65 anos merecen poder elixir a vida que queren levar e o seu papel na sociedade”.