A portavoz de Xuventude do Grupo Popular, Nicole Grueira, destacou hoxe no Pleno do Parlamento galego que “Galicia presenta un saldo migratorio positivo de máis de 160.000 persoas desde o ano 2009, uns datos que desmenten o discurso escuro e interesado do BNG, construído a base de pancarta, ruído e catastrofismo”.
Nicole Grueira explicou, recollendo datos publicados polo CIS referidos ao ano 2024, que preto de 8.500 galegos e galegas retornaron desde o exterior, “demostrando que Galicia volve ser unha opción real de vida para quen un día marchou”. Así mesmo, aínda que 16.460 persoas marcharon ao estranxeiro, 44.190 persoas chegaron a Galicia procedentes do exterior, polo que resulta un saldo migratorio positivo co exterior de 27.730 persoas. “Ademais, se falamos de mobilidade entre comunidades autónomas, o resultado tamén é positivo: marcharon 20.244 persoas, pero chegaron 22.839”, engadiu.
“Isto é o resultado de políticas públicas serias, planificadas e sostibles no tempo, que permiten que Galicia supere xa os 2,7 millóns de habitantes”, destacou a portavoz popular, que fixo referencia a medidas impulsadas polo Goberno de España como a Estratexia Galicia Retorna, o Retorna Cualifica Emprego, a Primeira Experiencia Profesional, Cooperas, Fixar, Galicia Emprega Moz@s, as Bolsas de Excelencia no Exterior ou o Bono Emancípate.
Deste xeito, Grueira insistiu que “estas medidas son o reflexo do compromiso real do Goberno galego coa xuventude, son oportunidades para os nosos mozos e mozas, e, sobre todo, son políticas que dan resultados positivos”.