O deputado do Grupo Popular Argimiro Marnotes destacou hoxe no Pleno do Parlamento galego que o Goberno galego creará un fondo adicional nos orzamentos da Xunta para 2026 dotado con 59 millóns de euros destinado a blindar o financiamento da futura Lei de Administración Local, que se prevé aprobar o vindeiro ano”.
Argimiro Marnotes lembrou que a xunta “leva tempo traballando con rigor, con participación e con diálogo para elaborar o texto da nova Lei de Administración Local de Galicia, unha reforma complexa, profunda e moi traballada que require tempo e consenso, e que xa se atopa en fase avanzada de preparación”.
“Esta nova lei non é, nin será, unha simple actualización técnica, porque o seu obxectivo é ofrecer solucións do século XXI aos problemas reais dos concellos”, dixo o deputado popular.
DESPOBOACIÓN E COOPERACIÓN
En concreto, indicou que “non é o mesmo lexislar para grandes cidades que para concellos de mil veciños, dispersos en vinte parroquias nun territorio demograficamente envellecido e cunha enorme dispersión poboacional, porque iso encarece a prestación dos servizos, dificulta a xestión e obriga a unha visión moito máis flexible e solidaria do que significa a autonomía local”.
“A futura lei incorporará esta realidade, definindo os municipios en risco de despoboamento e recollendo medidas para reforzar a súa capacidade de prestación de servizos”, avanzou o deputado popular, quen tamén indicou que a nova norma “reforzará as fórmulas de cooperación e colaboración entre concellos, porque non se trata de recentralizar nin de crear estruturas artificiais, senón de favorecer a cooperación voluntaria”.