A portavoz de Asuntos Sociais do Grupo Popular, Raquel Arias, reclamou hoxe no Pleno do Parlamento galego ao Goberno central “que abone á Comunidade galega os 2.500 millóns de euros que lle debe pola cofinanciación da prestación dos servizos de dependencia, xa que só está a pagar o 30 por cento cando por lei está obrigado a aportar o 50 por cento”, unha solicitude que foi rexeitada por BNG e PSdeG.
Raquel Arias asegurou que “cos cartos que o Goberno de Pedro Sánchez debe a Galicia en materia de dependencia poderíanse construír 138 residencias como a que se vai abrir en Lugo, duplicar o número de prazas de residencia que hai en Galicia ou pagar máis de 100 millóns de horas de axuda no fogar”.
“Pero, a pesar desta falta de orzamento por parte do Goberno central, o esforzo que está a facer o Goberno galego permitiu situarnos como unha das comunidades co mellor sistema de atención á dependencia, con mellor cobertura en centros de día para persoas maiores de 70 anos ou liderar o acollemento familiar de menores”, subliñou.
MELLORA DOS TEMPOS DE ATENCIÓN
A portavoz popular lembrou que “a Xunta é consciente das necesidades de seguir mellorando os tempos de atención á dependencia” e citou expresamente o compromiso de seguir acurtando os tempos de espera “coa recente aprobación dun decreto para axilizar os procedementos, reforzar os equipos de valoración e facer a valoración da dependencia e de recurso asignado no mesmo acto”
Respecto do servizo de axuda no fogar, Raquel Arias salientou, partindo da base de que se trata dun servizo de competencia municipal a raíz da Lei aprobada polo Goberno bipartito de PSOE e BNG, que a aportación da Xunta aos concellos incrementouse nun 24 por cento nos últimos anos, pasando de 9,7 a 12 euros por hora. “E aínda así somos conscientes de que non é suficiente, polo que o Goberno de Alfonso Rueda xa iniciou unha nova rolda de negociación coa Fegamp para revisar este importe”, apuntou.
“A Xunta fai as valoracións dos usuarios e asigna os recursos segundo o que establece a Lei estatal, pero o responsable de facer efectiva a prestación é o Concello”, explicou a portavoz popular. Ademais, indicou que o pago da prestación repártese entre os usuarios, os concellos, a Xunta e o Estado, “pero dáse a paradoxa de que o Goberno galego está a aportar o 70 por cento fronte ao 30 por cento do Goberno central”.