Santiago, 3 de maio de 2019.- O deputado do Grupo Popular Martín Fernández Prado esixiu hoxe no Parlamento ao Goberno do Estado que, unha vez que a Xunta rematou o saneamento integral das aglomeracións urbanas no ámbito das súas competencias, dote de orzamento suficiente o proxecto de dragado da ría do Burgo, para o que urxe que axilice as xestións ante a Unión Europea de cara a que aqueles fondos comunitarios que, por prazo, sexan inexecutables, se poidan reasignar a financiar esta actuación na ría.
Martín Fernández reiterou que “a Xunta ten un compromiso claro co saneamento das rías galegas, para o que, dentro das súas competencias, mantén unha importante colaboración cos concellos e traballa de maneira constante para dar cumprimento ás directivas europeas”.
Así, salientou que o Goberno galego ten realizado desde 2009 un investimento superior aos 1.100 millóns de euros en materia de saneamento e abastecemento, dentro do que destaca a construción de 45 novas depuradoras para dar servizo a 1,7 millóns de galegos.
CUMPRIR OS COMPROMISOS
Respecto da ría do Burgo, o deputado popular asegurou que “a Xunta cumpriu os seus compromisos para sanear esta ría, colaborando e apoiando aos concellos nas súas competencias municipais de saneamento e depuración”. En concreto, a Xunta leva investido desde o ano 2000 preto de 100 millóns de euros na ría do Burgo, “polo que agora cómpre que este esforzo do Goberno galego teña continuidade por parte do Goberno central e cumpra o seu compromiso de executar o seu dragado, unha actuación de rexeneración do litoral de competencia exclusivamente estatal”.
Fernández Prado lembrou que o Goberno central, a través do Ministerio para a Transición Ecolóxica ten redactado un proxecto de dragaxe e rexeneración ambiental na ría do Burgo cun investimento previsto de 46 millóns de euros, pero lamentou que a día de hoxe “o ministerio non ten feito nada por cumprir co compromiso adquirido coa Xunta, os concellos e as confrarías”.
Así mesmo, o deputado popular defendeu que o Goberno do Estado presente un plan social que recolla compensacións a aqueles mariscadores que non poidan traballar durante a execución das actuacións de dragaxe da ría e, nesta liña, teña en conta o ofrecemento realizado pola Xunta de Galicia de cofinanciar nun 10 por cento un plan social de axuda aos mariscadores.