Santiago, 27 de abril de 2021.- O portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular, Diego Calvo, criticou hoxe a proposta presentada polo PSdeG no Pleno do Parlamento para que a Xunta anule as peaxes das dúas autoestradas da súa titularidade cando o Goberno central de Pedro Sánchez está a pedir que se cobre polo uso das autovías de titularidade estatal, o que suporía máis de mil quilómetros en Galicia, e sigue a subir ano a ano as peaxes da AP-9.
Diego Calvo cualificou de “cómica” a proposta socialista, á vez que asegurou tela recibido “como unha provocación”. “A Xunta leva anos rebaixando as peaxes das súas autovías, investindo na súa conservación e tamén construíndo novos tramos libres de peaxes. Pola contra, o Estado subiu de novo as tarifas da AP-9 máis que en ningún outro lugar de España e veñen vostedes agora a reclamar aquí o que non piden aos seus compañeiros de partido”, criticou Calvo que lamentou a “pouca oportunidade desta iniciativa”, sinalou.
“O seu partido fíxolles un Gabilondo. Mentres vostedes propoñen unha cousa aquí, o seu xefe de filas, que ademais é presidente do Goberno, di xusto o contrario”, asegurou o popular, quen engadiu que “non imos apoiar que a Xunta compense ás concesionarias con cartos públicos e teña que reducir o investimento en servizos básicos esenciais tan necesarios nestes momentos”.
DESCOÑECEMENTO DA REALIDADE
Para Diego Calvo, os socialistas galegos demostran en cada sesión plenaria que descoñecen a realidade de Galicia e dos galegos, pois reclaman que se rebaixen as peaxes “de dúas autovías das máis baratas de España mentres consenten e, no caso do BNG, apoian e aplauden, que se cobre cada vez máis na vía de comunicación máis importante de Galicia, a que vertebra ao 60 por cento do territorio, a AP-9”.
Así, o deputado popular lembrou que, ademais de ser das máis baratas de España, na autoestrada do Val Miñor (AG-57) e na autoestrada Coruña-Carballo (AG-55) ofrécense importantes bonificacións aos usuarios cuxo custo asume a Xunta, e relatou o esforzo inversor da administración autonómica na construción de novos treitos de autovías libres de peaxe que axudarán a vertebrar mellor o territorio sen que iso supoña encarecerlle a vida ás persoas e ás empresas.
Neste senso, citou as obras que se están a realizar na autovía do Morrazo, na Vía Ártabra, na conversión en autovía da vía Nadela-Sarria, na VAC Tui-a Guarda, a autovía Santiago-A Estrada ou a VAP da Costa da Morte.
TRANSFERENCIA DA AP-9
Con estes argumentos enriba da mesa, o portavoz de Infraestruturas do Grupo Popular esixiulle aos socialistas de Galicia que “reclamen ao Goberno de Pedro Sánchez o cumprimento dos compromisos e as débedas cos galegos, pois todas as bonificacións anunciadas para a AP-9 aínda non se teñen materializado, a pesar de que a Xunta elaborou unha proposta documentada que facilitou en grande medida o traballo ao Goberno”.
“Tampouco sabemos nada da transferencia da AP-9 á Xunta, pois nin sequera se reuniu aínda a Comisión de Transferencias”, proseguiu Calvo, que criticou tamén aos nacionalistas que sigan a apoiar gobernos en coalición cun grupo que “despreza aos galegos, incumpre os seus compromisos e logrou o seu apoio a cambio dunha foto”, en lembranza do apoio do grupo do BNG no Congreso ao Goberno do PSOE e Unidas Podemos.