Santiago, 23 de outubro de 2018.- O Grupo Popular apoiou hoxe a aprobación polo Pleno do Parlamento dunha proposición non de lei a través da que se demanda a mellora das condicións laborais dos traballadores galegos. O viceportavoz Miguel Tellado celebrou que o resto de formacións con representación se sumen ás receitas da Xunta e reclamen que se apliquen as políticas que leva anos executando o Goberno autonómico.
Así, insistiu en que entre os principais eixos da acción da administración galega segue a estar a redución das desigualdades que acentuou a crise económica e a necesidade de que o crecemento económico chegue dun xeito cada día máis efectivo ao conxunto de galegos e galegas.
TRABALLOS DE MELLOR CALIDADE
“Despois de anos nos que a principal preocupación era a creación de emprego, agora estamos centrados en que os postos de traballo sexan da mellor calidade posible”, subliñou o viceportavoz, logo de lembrar os balances en materia laboral dos gobernos de Mariano Rajoy e de José Luis Rodríguez Zapatero. Neste sentido, Tellado lembrou o bo comportamento tanto da economía como do emprego nos últimos meses, nos que Galicia mellorou ao conxunto do país, ata ser a comunidade na que máis descendeu o desemprego no último ano.
En consonancia con este compromiso na materia, cómpre sinalar que o Goberno galego ten en marcha a Axenda 20 para o Emprego, na que non só se fixan medidas concretas, senón tamén obxectivos de cara ao final da lexislatura, como a redución da taxa de desemprego ata o 10 por cento ou a conversión de 50.000 contratos en indefinidos.
Ademais, Tellado sinalou que a maioría do Parlamento aposta polo mantemento de todos os postos de traballo da Comunidade e lamentou que haxa grupos “que din defender o emprego, pero piden todos os días que pechemos industrias clave para Galicia, coa que quedarían centos de traballadores na rúa”.